A Xunta obriga a Ence a parar a súa actividade polo baixo caudal do río Lérez

"Esta suspensión da operación da fábrica prolongarase ata que se normalice o caudal do río, en cumprimento da normativa vixente", din dende a empresa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/07/2022 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

Ence viuse na obriga de parar temporalmente a actividade da súa fábrica de Pontevedra ante a baixada do caudal do río Lérez, que se sitúa por baixo do seu caudal ecolóxico. Segundo comunicou a compañía este xoves, a Xunta de Galicia, "en exercicio da súa función de velar polo mantemento das masas de auga e o medio ambiente", advertiu á empresa da situación do caudal do Lérez e solicitoulle que deteña temporalmente a súa actividade.

Biofábrica de Ence en Pontevedra
Biofábrica de Ence en Pontevedra | Fonte: ENCE - Europa Press

Segundo a empresa, puxo en marcha de forma inmediata esta parada e o proceso está a executarse "en condicións de total seguridade". "Esta suspensión da operación da fábrica prolongarase ata que se normalice o caudal do río, en cumprimento da normativa vixente", detallou Ence.

O pasado mércores 13 de xullo, a dirección de Ence emitiu un comunicado no que asegurou con respecto á fábrica de Lourizán que "non existe ningún tipo de problema nin alteración na súa captación de auga".

A compañía alega que "a biofábrica mide de forma continua, con caudalímetros calibrados e certificados, os seus consumos, nos que as oscilacións máximas son de 0,55 m3/s (metros cúbicos por segundo)". Fronte a iso, indica que as oscilacións no caudal do río Lérez referidas polo Concello de Pontevedra nun escrito dirixido a Augas de Galicia "son 10 veces superiores".

Tal e como comunicou a compañía pasteira recentemente, a Xunta de Galicia reduciu nun 60% o caudal da concesión da fábrica de Ence Pontevedra.

"A compañía está a dar cumprimento a esta redución do seu caudal grazas aos investimentos realizados, á mellora continua e de proceso, que permitiron mellorar a eficiencia e maximizar a reutilización de auga", afirma a dirección da fábrica neste comunicado, no que engade que "en 2021 esta instalación rexistrou o menor consumo de auga da súa historia".

CONCELLO DE PONTEVEDRA

A concelleira responsable do ciclo da auga no Concello de Pontevedra, Carme da Silva, asegurou que a captación de auga de Ence no río Lérez non é compatible co abastecemento dos municipios da ría que, ademais da capital, son os de Marín, Bueu, Poio e Sanxenxo. "Nunha situación de cambio climático na que estamos, e que isto pode ser un feito que se repita nos anos próximos, queda clara a incompatibilidade da fábrica de Ence co sistema de abastecemento de auga", dixo Da Silva.

Segundo os datos achegados nesta comparecencia, este xoves o caudal do río está sendo de 1,55 metros cúbicos por segundo (de media), onte era de 1,66 e antonte de 1,20, mentres o caudal mínimo nesa mesma distribución de días é de: 0,87, 1,04, 0,99. O caudal mínimo ecolóxico do Lérez é de 1,516 m3/s, explicou.

Nesta situación, a concelleira indicou que o abastecemento á poboación debe estar garantido e co consumo da fábrica non sería posible facelo en exclusiva a través do Lérez. Ademais, Carme da Silva engadiu que os concellos que se abastecen desta subministración "deben mellorar as redes para evitar perdas" e citou a Sanxenxo, que conta cun rendemento da rede do 63,3%, cando a lei estipula que é obrigatorio ter un rendemento mínimo do 80%.

"Isto quere dicir que moitísima auga da que se lle fornece a Sanxenxo acaba por perderse", lamentou a concelleira pontevedresa, que tamén suxeriu a posibilidade de que estes municipios tomen medidas de aforro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta