(vídeo) Arquivan unha denuncia "grave" a un cidadán por tratar de "ti" a un policía

O axente alegou que "se le estaba faltando al respeto" por non tratalo de vostede. Polo momento, a súa actuación non foi sancionada aínda que hai interposto un recurso na Audiencia Provincial.

Por Galicia Confidencial | Lugo | 29/07/2022 | Actualizada ás 11:05

Comparte esta noticia

Policía: “Lo que estemos hablando con este señor no le incumbe a usted para nada, somos la policía y estamos haciendo nuestro trabajo”.

Un coche da Policía Nacional
Un coche da Policía Nacional | Fonte: Policía Nacional.

Cidadán: "Si quieres no me preocupo por la gente"

Policía: "Si quiere"

Cidadán: "Si quieres"

Policía: "Va a ser usted sancionado por falta de respeto a agente de la autoridad"

Cidadán: "¿Por qué? ¿por tratarle de tú en vez de de usted? ¿Cuál es el motivo de la denuncia?"

Policía: "Falta de respeto, porque usted me tiene que tratar de usted".

 

E así, con esa contundencia que, ás veces, empregan algúns poucos axentes crendo que teñen toda a razón do mundo amparándose no poder que supostamente lles dá unha placa, este axente procedeu a multar con 601 euros cunha infracción grave a un cidadán por "negarse a identificar y abandonar el lugar, siempre en una actitud desafiante".

 

Aconteceu o día 16 de agosto de 2021 en Lugo e o policía sancionouno por preocuparse por un titiriteiro polaco que estaba na rúa Raíña. Aplicou o artigo 36.06 da Lei Orgánica 4/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá, con multas de 601 a 30.000 euros. Pero, un vídeo gravado polo denunciado agredita que o motivo real da denuncia foi por tratalo de "ti" e non de "vostede" como pedía o axente. 

Así mesmo, na copia da denuncia, asinada polos tres axentes actuantes, aínda que dous deles non interveñen nos feitos tal e como acredita o vídeo publicado en El Salto, recóllese que se nega a “identificarse en reiteradas veces”. "Ademais a copia da denuncia non me foi entregada en man no seu momento pese ao meu requirimento, tendo que acudir á comisaría, alegando os axentes que non tiñan libreta", critica Alejandro López, o denunciado. 

Finalmente, e tras un recurso administrativo, a sanción foi arquivada.

AXENTES DENUNCIADOS

O vídeo foi aceptado como proba, o cal foi o elemento chave para darlle a razón a cidadán denunciado. "Sen o vídeo a presunción de veracidade do axente suporíame 601 euros de sanción nun momento no que estaba, ademais, desempregado", indica. Así mesmo o que si foi rexeitado foi a proba testifical do titiriteiro polaco, alegando a Subdelegación do Goberno, que ao non entender nin galego, nin castelán, carecía de peso a súa proba testifical.

 

Paralelamente, o multado iniciou poucos días despois unha denuncia contra os tres axentes do CNP, considerando que non só deberían arquivar a denuncia contra el, senón que tamén estes axentes "deberían ser sancionados por actuar con mala fe e mentindo". "Este axente non sufriu ningún tipo de prexuízo, apercibimento ou sanción, actuando con total impunidade", critica.

Esta denuncia foi arquivada en primeira instancia ao considerar que “os feitos que resultan das anteriores actuacións, dos que non resulta debidamente xustificada a perpetración do delito que as deu orixe”. Ante este arquivo interpúxose un recurso de apelación ante a Audiencia Provincial do que se está á espera.

NON É A PRIMEIRA VEZ

"No meu caso é a segunda vez que me vexo implicado nun caso similar en tan só dous anos.

A anterior sanción, neste caso pola Garda Civil, foi en 2019 durante unha concentración antitouradas en Sarria por motivos similares: desobediencia e negativa a identificarme", lembra Alejandro . A contía foi de 601 euros (300’50 euros coa redución pronto pago do 50%).

Esta multa tamén foi recorrida pola vía do contencioso. Finalmente a sentenza obrigaría a devolver os 300,50 euros pagados máis os intereses (10,58 euros).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta