Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/07/2022 | Actualizada ás 21:00
Hostalaría Compostela asegura que a pesar de que as cifras deste ano son parecidas ás do 2019, os beneficios están a resultar "moito menores" e observa "graves problemas de rendibilidade" no sector. "Os locais están cheos, as caixas son as mesmas, pero o beneficio é moito menor" sinalou o presidente da asociación, Thor Rodríguez.
Nun comunicado, explicou que nos últimos meses tanto os datos de ocupación de hoteis e pensións como o servizo que ofrecen bares e restaurantes de Santiago e da súa comarca móvense en cifras similares a antes da pandemia da covid-19, pero "gran parte do sector está a ter graves problemas de rendibilidade".
A entidade achaca esta situación a varios factores, entre eles, que moitos establecementos de hostalaría enfróntanse nestes momentos ao pago dos créditos ICO pedidos durante a pandemia. Ademais, sinalou o "brutal incremento" de custos enerxéticos e de subministración, así como unha inflación que supera o 10%. "Están a facer moito dano a uns negocios que viñan de pasalo moi mal nos últimos dous anos", remarcou.
Doutra banda, a asociación detectou que "está a cambiar o consumo" e, neste sentido, detallou que "familias que saen a comer fóra, pero non piden sobremesa" ou xente que sae a tomar algo pola noite e "pide cervexas en lugar de copas".
ALOXAMENTOS ILEGAIS
Por outra banda, Hostalaría Compostela indicou que aínda que os datos de ocupación hoteleira "superan de media o 80%", algúns establecementos "están por baixo do esperado nun verán de Ano Santo como este".
Neste caso, a entidade atribúe este problema ao "excesivo excursionismo" e tamén á "existencia dunha ampla oferta de aloxamento turístico ilegal" que, na súa opinión, "convén regular".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.