Condenado a 10 anos de cárcere un taxista que violou unha clienta de 19 anos en Santiago

O home aproveitou que a vítima quedou durmida para desviar a ruta e cometer o delito nunha zona "escura" e "sen vivendas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/08/2022 | Actualizada ás 17:49

Comparte esta noticia

A Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña condenou a dez anos de prisión un taxista que agrediu sexualmente en Santiago unha clienta de 19 anos, tras desviarse da ruta inicial e aproveitarse de que a vítima se quedou durmida.

Imaxe recurso de violencia de xénero
Imaxe recurso de violencia de xénero | Fonte: XUNTA DE GALICIA

Segundo sinala a sentenza, con data de 29 de xullo de 2022, os feitos ocorreron hai máis de catro anos, na madrugada do 8 de marzo de 2018. A moza subiuse á parte traseira do taxi no que traballaba o condenado, que naquela data contaba con 43 anos de idade, no centro da cidade.

Os maxistrados consideran probado que o home, "aproveitándose da circunstancia de que quedou adormecida durante o traxecto de apenas cinco minutos de duración", desviou a súa traxectoria ao chegar á zona de Galeras e "desconectou o localizador do vehículo". Acto seguido, de acordo co relato probado, conduciu "cara a unha zona non determinada, situada nos arredores da cidade, escura, carente de iluminación artificial e sen vivendas próximas á vista".

Así, o home valeuse destas circunstancias, así como de que previamente collera o teléfono da vítima do asento traseiro, para baixarse do coche, introducirse na parte traseira do vehículo e cometer a agresión sexual.

Nese momento, subliña o tribunal, a moza estaba "paralizada pola situación de terror que estaba a vivir ante a imposibilidade de pedir axuda e o medo ao que puidese sucederlle". Entón, o acusado aproveitou "para porse un preservativo e, en contra da vontade da nova, penetrala vaxinalmente, ante o cal ela comezou a chorar pedíndolle que parase".

Ao finalizar, o taxista volveu ao asento do condutor, devolveulle o móbil e conduciu ata o domicilio da nova, que foi todo o traxecto "chorando". Cando chegou a casa, a moza chamou un amigo e, tras relatarlle a violación, pediulle que acudise.

Os maxistrados describen na sentenza que non só se tratou dunha relación sexual non consentida, senón que se cometeu "mediante a intimidación empregada polo acusado, aproveitándose dunhas circunstancias buscadas coa finalidade de xerar un estado de terror na vítima, que a deixaron paralizada e sen posibilidade de reacción".

Ademais, destacan a veracidade do testemuño da vítima, porque contou "de modo persistente, convincente e sen contradicións", ao longo de todo o procedemento, o ocorrido a madrugada do día 8 de marzo de 2018.

"A descrición dos feitos que fai non só é consistente e coherente, senón que concorda con todos os restantes medios", destaca a Sala, á vez que engade que a versión da vítima está corroborada "polo testemuño das persoas que estiveron con ela inmediatamente despois dos feitos, polas lesións físicas que presentaba e pola pegada psíquica" reflectida nun informe pericial psicolóxico. Tamén é o que concorda cos datos do percorrido realizado polo taxi aquela noite.

O acusado, pola súa banda, sostivo durante o xuízo que a relación sexual fora consentida e que lla propuxo a nova. Con todo, os maxistrados fan fincapé en que a súa versión "resulta bastante pouco crible" e "presenta trazos máis propios dunha ficción que da realidade".

"Non só resultou incoherente e incrible, senón que o seu relato non se corresponde temporalmente cos datos obxectivados na causa", insisten.

Así mesmo, os maxistrados da Audiencia reprochan especialmente que o condenado estaba "a desempeñar un servizo público como é o de taxi que, precisamente, xera unha sensación de confianza e seguridade en quen o utiliza, especialmente pola noite".

Neste contexto, o tribunal entende que a pena de dez anos solicitada polas acusacións é adecuada, porque é "especialmente grave" o feito de que "un taxista recolla a unha moza de 19 anos, de madrugada, e se aproveite de que esta queda durmida para levala a un lugar escuro e solitario, onde non ten posibilidade algunha de pedir axuda ou de escapar, quedando completamente a mercé do agresor, co temor que iso pode xerar na vítima a sufrir calquera tipo de acto violento, sen descartar un ataque contra a propia vida".

Por todo o exposto, os maxistrados condenaron ao home a unha pena de 10 anos de prisión e a oito anos de liberdade vixiada por un delito de agresión sexual, así como ao pago dunha indemnización de 20.000 euros á nova. Tamén lle impuxo unha prohibición de aproximarse e comunicarse con ela durante 15 anos.

Tamén entenden que o propietario do taxi --o acusado era o seu empregado desde había anos-- debe indemnizar á vítima na mesma contía como responsable civil subsidiario.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta