Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/08/2022 | Actualizada ás 19:44
O presidente do PP local de Santiago, Borja Verea, foi ratificado este luns polo Comité Local da formación, por unanimidade, como candidato á alcaldía da capital galega nas próximas eleccións municipais que se celebrarán o 28 de maio de 2023.
Verea, deputado autonómico e presidente do PP santiagués desde o pasado mes de maio, agradeceu o apoio e prometeu "traballar sen descanso, as 24 horas do día, os sete días da semana" co único obxectivo de "dedicar toda a enerxía" para conseguir "unha maioría histórica" nos próximos comicios municipais.
Así mesmo, destacou que o seu equipo xa se atopa "intensificando o contacto cos veciños, as asociacións e cos diferentes sectores" e asegurou que "cada día que pasa a resposta é máis positiva". "Todas esas forzas de cambio comezan xa a vernos como a única alternativa de futuro para Santiago", manifestou.
Ademais, Verea sinalou que fronte ao goberno do PSOE, "responsable dunha xestión nefasta", cun alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, "canso, aburrido e sen ganas", pretende unha cidade "que avance e en marcha" e "que sexa protagonista e líder do seu futuro".
A clave para iso, engadiu, é "sumar novos proxectos e ideas vivas para volver ser os primeiros e os mellores" e, deste xeito, "estar na vangarda, competindo con capitais mundiais".
"Santiago é a cidade onde nacín, onde naceron o meu tres fillos e hoxe é máis necesaria que nunca unha nova autoestima, un novo orgullo compostelán que nos libere e impulse", salientou Verea.
Nesta mesma liña, avanzou que pretenden construír un programa electoral para "levar Compostela ao século XXI", así como para "revolucionar os barrios" e "volver converter o centro histórico nunha cidade habitada e habitable".
Para concluír, Borja Verea defendeu que pedirá o apoio de todos os veciños de Santiago para sumar "unha maioría histórica" que lle permita "ser o alcalde de todos" e, ao mesmo tempo, "pasar páxina dun Bugallo que foi un bo alcalde, pero noutra época".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.