Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/08/2022 | Actualizada ás 20:32
O restaurante Parque Náutico de Castrelo de Miño (Ourense) tivo que botar unha familia da súa terraza o pasado sábado pola noite por verter "comentarios xenófobos" dun dos seus integrantes cara a un dos traballadores. "Botamos a unha familia da terraza por comentarios xenófobos cara a un compañeiro? Botamos". Así o relata en Twitter o propio perfil do negocio, que insiste en que o seu empregado, de nacionalidade marroquí, "merece todo o respecto, como os demais".
Este restantante, que colgou en redes sociais a factura que deixaron a deber estes comensais, recoñece que non se arrepinte de perder os 13,70 euros que custaron as súas consumicións.
Ademais, nesta publicación, que xa acumula miles de interaccións, contan que, cando o xefe acudiu a recoller as bebidas desta mesa "sen levantar a voz nin unha vez", os clientes de ao redor "aplaudíronlle" pola súa actitude exemplar.
"Debería ser o máis normal do mundo", asegura o xerente do restaurante, Dosi Veiga, quen decidiu actuar despois de que unha das súas empregadas lle advertise da actitude deste cliente.
"QUERO QUE ME ATENDA UN ESPAÑOL"
O responsable do local acudiu a esta mesa e preguntoulle "en voz baixa" se había algún problema cos seus traballadores. "Ningún problema", respondeu o home, aínda que seguidamente engadiu que lle gustaría que lle atendese "un español" e non M. --o xerente prefire ocultar o nome do empregado porque se trata dun menor de 17 anos--.
Veiga volveu ao interior do restaurante, pero minutos despois os clientes doutra mesa advertíronlle de que tería que botar a este home porque continuaba cos seus comentarios xenófobos.
Entón, decidiu ir de novo á mesa e recollerlles as bebidas para que a familia marchase, tras o que o resto de conmensais comezaron a aplaudir. Dosi teno claro: "Parece que en hostalaría hai que aguantar calquera cousa, pero non".
A pesar da súa actitude exemplar, o xerente prefire restarlle importancia á repercusión xerada en Twitter, onde decidiu contar a anécdota xa o domingo pola tarde.
Expresa como se sorprendeu cando, horas despois, volveu abrir o perfil na rede social e viu todas as reaccións suscitadas, xa que a súa intención non era a de viralizarse.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.