CC.OO. rexeita a privatización da residencia de maiores de Cerdedo porque "empeora as condicións de traballo"

Critica que este tipo de operacións supón a obtención de beneficios por parte dunha empresa á conta de reducir postos de traballo e salarios.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 12/08/2022 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

A organización sindical Comisións Obreiras (CC.OO.) rexeitou a privatización da residencia de maiores de Cerdedo ao considerar que este tipo de operacións supón a obtención de beneficios por parte dunha empresa á conta de reducir postos de traballo e salarios, empeorar as condicións de traballo e diminuír a calidade do servizo.

Residencia de maiores de Cerdedo (Pontevedra). XUNTA
Residencia de maiores de Cerdedo (Pontevedra). XUNTA

O sindicato lamentou que a Xunta acabe de investir 2,2 millóns de euros nas instalacións para que agora sexa unha empresa privada a que se faga cargo do servizo.

"A Consellería de Política Social e Xuventude quere vender esta privatización como un aforro no custo respecto da xestión directa, algo absolutamente falso porque as empresas privadas en ningún caso prestan o servizo gratis", criticou CC.OO.

Ademais, tamén puxo en dúbida outro argumento do Goberno galego, que asegura que esta fórmula cumpre cos criterios de xestión e intervención institucional e suporá o mellor control de calidade, eficacia e eficiencia na xestión dos servizos sociais.

"Que llo digan aos familiares dos residentes que sufriron a morte dos seus familiares ou a desatención grave nas residencias privadas que xa operaban en Galicia (durante a pandemia). Como se pode xustificar a mellor xestión e a mellor intervención privatizando o servizo que atende a persoas maiores e dependentes, deixando en evidencia aos propios servizos públicos? O coidado das persoas non pode ser un negocio en mans de multinacionais ou fondos voitres", engadiu o sindicato.

Neste sentido, sinalou que durante a pandemia, os centros sociosanitarios de xestión pública directa foron os "máis eficientes e eficaces" na atención aos maiores, mentres que as residencias privadas "foron as que tiveron os peores resultados acumulados", tanto en número de falecidos como de persoas desatendidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta