O PPdeG pide ao Goberno "rectificar" o decreto de eficiencia enerxética

Recrimina ao PSdeG que "se coloca de novo ao lado" de Sánchez e reclama "cogobernanza" en relación cos fondos 'Next Generation'.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2022 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

A viceportavoz do grupo parlamentario do PPdeG, Marta Nóvoa, considerou que o Goberno central "está a tempo de rectificar" o decreto de eficiencia enerxética e instouno a "escoitar" as comunidades autónomas e os sectores afectados, así como á Unión Europea.

Por iso, en rolda de prensa, solicitou que se convoque a conferencia de presidentes, antes de subliñar que a Xunta "vai seguir colaborando e cumprindo este decreto" pero lamenta "profundamente que o Goberno de España non seguise as directrices europeas e optase por pór en marcha medidas impositivas, cando noutros estados se formularon medidas voluntarias".

Esta, asegurou, é "a única versión" do PP galego e do Executivo autonómico. Ademais, remarcou que a opinión do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é "coincidente" coa do PP estatal, Alberto Núñez Feijóo.

Pola contra, censurou a posición do PSdeG e aconselloulle "facer gala dun pouco máis de prudencia, sobre todo pola variedade de voces" ante este tema. Neste sentido, reprobou que os socialistas galegos "se colocan ao lado do seguimento ao señor Sánchez".

Así mesmo, avanzou a presentación dunha "batería de iniciativas" para o seu debate no inicio do período de sesións en setembro no Parlamento galego. "Desde aquí pedimos ao Goberno central que canto antes estableza medidas de axuda", urxiu, en referencia a, por exemplo, mecanismos que terán que instalar os establecementos para favorecer o peche de portas, medidores de temperatura, etcétera.

NEXT GENERATION

Por outra banda, Nóvoa esixiu "unha cogobernanza" ao chamar a atención sobre que "se segue sen ver como se materializa ningún dos proxectos" que presentou Galicia para optar aos fondos 'Next Generation'.

Con Pedro Sánchez, concluíu, Galicia "só sufriu agravios". "Pecháronse dúas centrais térmicas, paralizouse Alcoa, Ence está pendente dun fío e a cadea mar industria por unha lei que nada tiña que ver con esta industria está a ver como pode quedar fóra", enumerou.

LEI DE ÁREAS EMPRESARIAIS DE GALICIA

Por último, tamén mencionou á lei de áreas empresariais, con previsión de aprobación na Cámara autonómica a finais de setembro. O texto, afirmou, foi "mellorado" por emendas aceptadas e transaccionadas coa oposición, e agora o PP espera o voto favorable do PSdeG. Ao BNG, pola súa banda, pídelle "que o pensen ben", tras pór "todo paus na roda".

Detalle do termómetro dun establecemento tras a entrada en vigor das primeiras medidas do Plan de medidas de Aforro e Eficiencia Enerxética da Administración Xeral do Estado (AGE). A 11 de agosto de 2022, en Sevilla (Andalucía, España).. María José López - Europa Press
Detalle do termómetro dun establecemento tras a entrada en vigor das primeiras medidas do Plan de medidas de Aforro e Eficiencia Enerxética da Administración Xeral do Estado (AGE). A 11 de agosto de 2022, en Sevilla (Andalucía, España).. María José López - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta