O Parlamento debaterá a comparecencia de Rueda pola morte dunha muller no PAC de Baltar

A solicitude foi presentada polo BNG, que quere que o presidente da Xunta dea explicacións sobre o ocorrido e sobre a "situación de colapso" na sanidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2022 | Actualizada ás 13:15

Comparte esta noticia

A presidencia do Parlamento de Galicia convocou á Deputación Permanente este venres 26 de agosto para debater a comparecencia do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para que informe sobre o falecemento dunha paciente en Baltar "nun contexto de falta de ambulancias".

A solicitude foi presentada polo grupo parlamentario do BNG, que quere que Rueda dea explicacións sobre o ocorrido, así como pola "situación de colapso que se está vivindo estes meses de verán no sistema sanitario público galego". Así o reclamaba este martes en rolda de prensa a portavoz parlamentaria de sanidade hospitalaria do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Iria Carreira, que denunciaba que "Galicia está a atravesar un caos sanitario" e cualificaba de "grave e dramático" o estado da sanidade pública.

"Hai un colapso nas urxencias hospitalarias, as listas de espera están desbordadas e a atención primaria está saturada; máis de 40.000 pacientes están a esperar por unha intervención cirúrxica e o 50% dos MIR que acaban a especialidade en medicina de familia non quedan en Galicia", destacou a portavoz de sanidade do BNG.

FALECEMENTO EN BALTAR

Hai case unha semana facíase público que o Xulgado de Instrución número 3 de Cambados investigaba a morte dunha muller no punto de atención continuada (PAC) de Baltar, en Portonovo, por mor da denuncia presentada polo marido da falecida porque non foi posible o seu traslado en ambulancia.

O denunciante formalizou a denuncia no cuartel da Garda Civil do Grove. Segundo a súa versión dos feitos, a súa muller empezou a atoparse mal sobre as 14,00 horas do 6 de agosto, empezou a vomitar, non era capaz de camiñar e presentaba insensibilidade nas pernas.

Sobre as 21,00 horas dese mesmo día, o seu marido contactou por teléfono co 061 para requirir asistencia sanitaria e desde o servizo de emerxencias respondéronlle que, nese momento, non estaba dispoñible ningunha ambulancia que puidese realizar o traslado. Así, recomendáronlle que o fixese el mesmo se a súa esposa non tiña febre.

Finalmente, o marido trasladouna no seu vehículo particular á PAC de Baltar onde morreu mentres el estaba a aparcar.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. ANA VARELA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda. ANA VARELA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta