Un atractivo ‘Escape Room’ abrirá o programa da Festa da istoria 2022

Ribadavia recupera o formato tradicional da súa celebración máis importante cunha chea de actividades que lembrarán o pasado medieval da vila. No apartado musical salientar a presenza de Treixadura, Tiruleque e Milladoiro.

Por X.M. Fernández | Ribadavia | 25/08/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Os días 26 e 27 de agosto terá lugar a XXXIII edición da Festa da Istoria, unha celebración senlleira que achega a milleiros de persoas a Ribadavia para vivir unha das recreacións festivas medievais máis recoñecidas a nivel nacional.

Grupo Treixadura. Imaxe cedida pola 'Festa da Istoria'
Grupo Treixadura. Imaxe cedida pola 'Festa da Istoria'

O venres 26 comezan as actividades cun interesante “Escape Room” no que se poderá coñecer a historia de Ribadavia dun xeito diferente,  percorrendo as rúas de Ribadavia ao tempo que se resolven crebacabezas e enigmas. As e os interesados deben inscribirse no seguinte formulario https://forms.gle/aUsjVJHe4gLrS9R99. O encontro está programado para as 10:30 h. na Praza Maior e o primeiro grupo empezará particular aventura ás 11:00 h. Recoméndase levar vestimenta medieval.

Este mesmo día pola mañá terá lugar a apertura do Mercado Artesanal e as portas do Castelo con animación, teatro e recreacións históricas, oficios da época e música a cargo dos grupos EmCadeamentos e Gastrafetes.

Xa pola tarde, a partir das 18:00 h., haberá xogos para os nenos, esgrima histórica –demostracións, obradoiro e combates--, concerto de música medieval, pandereteiras, música de rúa e teatro no Auditorio do Castelo con ‘O Malsin’. A partires das 00:00 h. concerto co grupo Treixadura e remate pirotécnico na fachada do Castelo.

O sábado 27, día grande da celebración, tras a apertura ás 10:30 h. do Mercado Medieval nas prazas e rúas do centro histórico, terá lugar a ‘Apertura do Banco da Alhóndiga’ e ás 11:00 h. o Gran Desfile da Istoria. O pregón, a cargo de Gastrafetes, será ás 11:45 h. e no mesmo acto farase o nomeamento de ‘Notables da Istoria’.

Imaxe do Mercado Medieval de Ribadavia (arquivo). Foto: Fundación Festa da Istoria.
Imaxe do Mercado Medieval de Ribadavia (arquivo). Foto: Fundación Festa da Istoria.

Para completar as actividades da mañá: baile medieval, xadrez vivente, duelo de cabaleiros, saída da comitiva nupcial e voda xudía –recreación dunha cerimonia baseada nos ritos e costumes sefardíes--, cetrería e xantar medieval.

Pola tarde terán lugar o IV Concurso de Vestimenta Medieval, haberá animación de rúa a cargo dos Tabaleiros da Istoria, carreira de pipotes, cetraría e Torneo Medieval a cargo do grupo de especialistas Hípica Celta ás 20:00 h. na Veronza.

A partires das 21:00 h. o Castelo acollerá baile medieval, un espectáculo de lume e o peche do Banco da Alhóndiga. E a continuación os concertos; ás 22:30 h. actuará Milladoiro na fachada do Castelo é ás 00:00 h. Tiruleque a Praza de San Martiño.

O programa completo pódese ver na web da Fundación da Istoria, entidade que fai posible cada ano a Festa da Istoria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta