Activos catro incendios en Galicia, dous deles baixo control

A tempada de incendios estenderase ao outono ante a seca, incida o Ministerio de Defensa.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2022 | Actualizada ás 18:01

Comparte esta noticia

Galicia rexistra a última hora deste luns un total de catro incendios de máis de 20 hectáreas activos, dos cales dous están baixo control. Ademais, nas últimas horas deuse por extinguido o lume que arrasou 80 hectáreas no municipio de Porto do Son.

O último parte da xornada deste luns facilitado pola Consellería de Medio Rural recolle o incendio rexistrado en Bousés, en Oímbra, tras entrar por Portugal desde as 18,15 horas, e que afecta a máis de 20 hectáreas. Nel traballan dous axentes, nove brigadas, catro motobombas, dúas pas, dous avións e catro helicópteros.

Un hidroavión traballa nos labores de extinción nun incendio na Serra do Leboreiro, nos montes do pobo de Senderiz, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés, / Rosa Veiga - Europa Press / Europa Press
Un hidroavión traballa nos labores de extinción nun incendio na Serra do Leboreiro, nos montes do pobo de Senderiz, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés, / Rosa Veiga - Europa Press / Europa Press

Ademais, está activo outro lume iniciado na parroquia da Pena, en Cenlle (Ourense), desde as 16,02 horas da tarde deste luns, e que arrasou 20 hectáreas. Para o seu control traballan catro axentes, oito brigadas, nove motobombas, unha pa, oito avións e sete helicópteros. 

CONTROLADOS

Permanece baixo control desde as 19,27 horas o incendio da Grixoa, en Viana do Bolo. Para aplacalo, mobilizáronse un técnico, 14 axentes, 38 brigadas, 23 motobombas, dúas pas, tres avións e nove helicópteros. Este lume queimou 102 hectáreas, segundo as últimas estimacións.

Tamén está controlado un lume en Barrio, na Pobra de Trives, desde as 15,49 horas. Para apagar este lume, que queimou 20 hectáreas, traballan seis axentes, 18 brigadas, dez motobombas e un helicóptero.

De menos de 20 hectáreas, rexistrouse lume en Xunqueira de Ambía e en Laza. O incendio en Xunqueira de Ambía, na Abeleda, está activo e foron mobilizados un axente, tres brigadas e tres motobombas, segundo a consellería. En Laza, as chamas iniciáronse na parroquia do Castro, ás 9,54 horas. Para tratar de controlar este incendio traballan un axente, catro brigadas e foron enviados dous helicópteros, segundo a información que achega a

EXTINCIÓN

Nas últimas horas, ás 19,05 horas, quedou extinguido o incendio de Porto do Son, orixinado en Ribasieira ás 22,30 horas do venres 26 de agosto, e que quedou controlado este domingo día 28. En total, arrasou 80 hectáreas, das cales seis son arboredos e 74 de monte raso. Nos labores de extinción traballaron un técnico, 30 axentes, 57 brigadas, 36 motobombas, catro pas, cinco avións e cinco helicópteros.

Tamén quedou extinguido un incendio no parque natural de Baixa Limia-Serra do Xurés, que queimou 1,5 hectáreas no municipio de Muíños; só 24 horas despois de que se dese por apagado o gran incendio declarado en Lobeira e que arrasou 625,2 hectáreas.

TEMPADA DE INCENDIOS ATA O OUTONO

O Ministerio de Defensa dá por feito que a tempada de incendios se estenderá ao outono ante a "gravísima" seca que atravesa Galicia. Así o manifestou a secretaria de Estado de Defensa, Amparo Valcarce, en declaracións aos medios este luns en Poio. A responsable do ministerio incidiu na dificultade que entrañou un verán de temperaturas extraordinarias e que marcou unha nova marca histórica en superficie queimada polos incendios.

"Estamos envorcados con Galicia e con toda España, é un ano especialmente grave", remarcou Valcarce, que fixo un chamamento a toda a cidadanía a responsabilizarse coa problemática dos lumes forestais. "Temos que pensar que a temporada vai ter que ser máis ampla. A tremenda seca que padece España e Galicia pode ser un dos motivos polos que os incendios son especialmente dramáticos", comentou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta