Morre un bombeiro en prácticas tras ser atropelado por un autobús en chamas en Santiago

O vehículo comezou a moverse cando despregaban o operativo e esmagouno contra o camión extintor. Santiago decreta tres días de loito oficial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/08/2022 | Actualizada ás 11:55

Comparte esta noticia

Un bombeiro en prácticas do parque de Santiago de Compostela faleceu á primeira hora deste martes atropelado por un autobús durante un operativo de extinción ao que foran mobilizados. En concreto, segundo confirmou o propio alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, ás 8,00 horas o parque recibiu o aviso de que un autobús baleiro da empresa Rías Baixas, que realiza servizo de liña municipal, estaba a arder na parroquia de Aríns, concretamente no lugar da Cacharela.

De inmediato, un retén desprazouse cara ao lugar para comezar cos labores de extinción. Á súa chegada, o condutor do autobús tentaba apagar o incendio que, segundo a información do 112 Galicia, empezaba a descontrolarse. Mentres os bombeiros montaban o operativo, e de forma "sorpresiva", apunta o Concello de Santiago, o autobús comezou a desprazarse cara a adiante, atropelando á vítima.

En concreto, Emerxencias sinalou que o vehículo, que aínda estaba en chamas, precipitouse cara ao camión de Bombeiros e chocou contra el, deixando ao falecido entre os dous vehículos.

MANOBRAS DE REANIMACIÓN

Os propios compañeiros da vítima comezaron coas manobras de reanimación mentres outros efectivos trataban de controlar as chamas. Tamén o persoal sanitario permaneceu preto dunha hora tratando de reanimar ao novo, aínda que "foi imposible a súa recuperación". O alcalde confirmou que se trataba dun bombeiro novo e que "acababa de incorporarse" ao persoal. De feito, actuaba como observador no operativo.

Tras o suceso, foron numerosas as condolencias, empezando polo Concello de Santiago, que emitiu un comunicado no que lamenta "este tráxico suceso" e únese á dor de familia, compañeiros e amigos. O alcalde anulou a súa axenda e desprazouse ao lugar dos feitos, onde cualificou este "terrible accidente" de "gran desgraza" e uniuse a familiares e coñecidos nestes momentos de "auténtica desolación".

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, expresou en Twitter o seu agarimo á familia do novo e aos seus compañeiros, así como "o recoñecemento de toda Galicia a uns profesionais que todos os días arriscan as súas vidas pola seguridade de todos". Tamén o 112 Galicia expresou na súa conta de Twitter as súas condolencias.

Falece un Bombrero en practicas mentres apagaban un lume nun autobus no Lugar de Cacharela, Aríns, Santiago. ÁLVARO BALLESTEROS
Falece un Bombrero en practicas mentres apagaban un lume nun autobus no Lugar de Cacharela, Aríns, Santiago. ÁLVARO BALLESTEROS | Fonte: Europa Press

LOITO

Doutra banda, o Concello de Santiago decretou tres días de loito oficial pola morte na mañá deste martes dun bombeiro do servizo municipal que resultou atropelado por un autobús durante un operativo de extinción ao que foran mobilizados. Deste xeito, as bandeiras dos edificios municipais onderán a media ata desde este martes ata o vindeiro xoves 1 de setembro en sinal de dor polo falecemento do funcionario, que se atopaba en período de prácticas.

Nun comunicado, o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, envía en nome de toda a corporación e os traballadores municipais unha mensaxe de pesar e de acompañamento para os familiares, amigos e compañeiros da vítima.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta