O BNG esixe que os impostos ás eléctricas "veñan para quedar" e non sexan "unha medida conxuntural"

A portavoz nacional, Ana Pontón, tamén reclamou unha nova regulación do sectos enerxético, así como medidas para evitar a deslocalización de empresas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2022 | Actualizada ás 16:28

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reclamou unha nova regulación do sector enerxético, con "o control" por parte do sector público, así como medidas para evitar a deslocalización de empresas. Fíxoo tras un encontro con representantes do comité de empresa de Teleperformance na Coruña, empresa que presta o servizo de atención ao cliente de Unión Fenosa Distribución, de Naturgy.

"Xa está ben de parches", manifestou tras o encontro Pontón, quen esixiu tamén á Xunta e ao Goberno central que "actúen" para evitar a deslocalización de empresas, en referencia ao citado servizo e o anuncio de que, excepto o que sexa en galego, prestarase desde Colombia.

Pontón, que mostrou o respaldo aos traballadores ante a perda de empregos que implicará a medida e avanzou iniciativas no Parlamento galego --tamén no Congreso e no Concello da Coruña--, reprochou o "ping pang pung" entre o PP e o PSOE en relación á situación enerxética. "A Xunta é refén da estratexia do PP en Madrid", argumentou tamén a dirixente nacionalista, quen considerou que os populares galegos están a actuar en función dos intereses do partido a nivel nacional. "Unha política cutre de seguidismo á estratexia do PP en Madrid", resumiu.

IMPOSTOS ÁS ELÉCTRICAS

Por outra banda, ademais de insistir en que nin a administración central nin a autonómica poden mirar "para outro lado" en relación á situación de traballadores como os de Teleperformance na Coruña, pediu que os impostos ás eléctricas "veñan para quedar" e que non sexa "unha medida conxuntural". "E Galicia recibir a parte que lle corresponda por eses novos impostos que se anunciaron que se van crear", dixo a dirixente nacionalista quen volveu a reclamar "unha tarifa eléctrica galega".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese con representantes sindicais de Teleperformance na Coruña. BNG
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reúnese con representantes sindicais de Teleperformance na Coruña. BNG | Fonte: Europa Press

Xa sobre as demandas dos traballadores do servizo de atención telefónica en Unión Fenosa Distribución para que se manteña na Coruña e ante a perda de "90 postos de traballo", manifestou que son unha "reivindicación xusta" por afectar tanto á perda de emprego como "á calidade na atención do servizo". Tamén cualificou de "impresentable" a deslocalización do servizo cos "pingües beneficios" das eléctricas.

En similares termos, pronunciouse o portavoz do grupo municipal do BNG, Francisco Jorquera, quen rexeitou que as eléctricas exploten os recursos naturais en Galicia "e que esa actividade non teña un retorno económico e non se traduza, polo menos, na xeración de postos de traballo".

NOVAS MOBILIZACIÓNS

Pola súa banda, desde o comité de empresa fixeron un chamamento á cidadanía para sumarse ás mobilizacións que convocaron e advertiron que as persoas que quedarán para dar o servizo en galego non chegarán para cubrir as necesidades. Sobre as protestas, avanzaron unha concentración ante o Concello da Coruña a próxima semana, na que o luns secundarán tamén unha manifestación, con saída ás 12,00 horas, da praza de Pontevedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta