A Xunta nega arrastre de cinzas polo gran lume do Barbanza como denuncia o Concello da Pobra

Hai cortes na subministración de 330 casas neste concello pola turbidez da auga.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2022 | Actualizada ás 11:35

Comparte esta noticia

A Xunta mobilizou diferentes medios ante o que identifica como un "arrastre de terra de camiños" no Barbanza por mor das fortes choivas producidas nas últimas horas na zona. Segundo informa a Consellería de Medio Rural a Europa Press, os técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF) "descartan" que o arrastre fose de cinzas do gran incendio forestal que tivo lugar no Barbanza o pasado mes de agosto.

De tal forma, o Goberno galego enviou medios para comprobar as causas e "alcance da turbidez da auga", así como a súa posible afectación a bancos marisqueiros. Así mesmo, fará un seguimento da situación para avaliar as actuacións a adoptar.

O lume do Barbanza, que comezou na parroquia de Cures, municipio de Boiro (A Coruña), quedou extinguido tras arrasar unhas 2.200 hectáreas --607 de monte arboledo e 1.593 de monte raso--. O incendio provocou a activación da alerta por proximidade a vivendas e desaloxos, queimou o monte da Curota e estendeuse aos municipios da Pobra do Caramiñal e Ribeira.

Respecto diso, a Xunta sinala que expertos determinaron que a afectación nos chans polo lume foi "en xeral baixa", "só moderada en puntos concretos", nos que se adoptaron medidas paliativas por parte de persoal de Augas de Galicia --dependente da Consellería de Infraestruturas--, en coordinación cos técnicos do CIF de Lourizán. Ademais, avalíase " a adopción de máis medidas, nas zonas que sexa preciso actuar, para frear a erosión".

PROBLEMAS NA AUGA DA POBRA

Vista do incendio forestal da parroquia boirense de Cures
Vista do incendio forestal da parroquia boirense de Cures | Fonte: Gustavo da Paz - Europa Press

Nun comunicado, o Concello da Pobra do Caramiñal informou de que as choivas "arrastraron as cinzas dos recentes incendios na comarca" á captación do río das Pedras, que leva auga á estación potabilizadora de Roupión. A empresa concesionaria realizou traballos para o restablecemento da rede, con cortes nunhas 250 vivendas de zonas como Santa Cruz, Entrerríos, A Banda, A Casa Queimada, entre outras.

Debido a que a auga non era apta para o consumo pola presenza de impurezas, procedeuse a que baleirar o depósito para volver enchelo con auga que se recibe do Ulla. Igualmente, detectouse unha afectación aos mananciais de auga do depósito de Vilas, con cortes nuns 80 domicilios en núcleos como Vilas, O Cruceiro Novo e Campomuíños, entre outros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta