A comunidade educativa di "non" aos recortes e reclama un ensino "público de calidade"

Os sindicatos denuncian un inicio de curso "caótico" sen os currículos publicados.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/09/2022 | Actualizada ás 18:23

Comparte esta noticia

Profesorado e familias, convocados polos sindicatos, protagonizaron na mañá deste mércores unha protesta ante a Consellería de Educación, en Santiago de Compostela, para reclamar un ensino "público de calidade".

Concentración ante a Consellería de Educación
Concentración ante a Consellería de Educación | Fonte: EP

O que demandaron é unha baixada dos cocientes e máis profesorado para "poder mellorar a educación", a redución da xornada lectiva, o "caótico" inicio de curso sen os currículos publicados ou a necesidade de "tomar medidas" nos servizos de comedor ante a subida dos prezos, entre outras esixencias.

Con isto, sinalaron que estas reclamacións por parte do profesorado, sindicatos e familias xa veñen desde "hai tempo" e que "non hai medios humanos para atender a rapazada". Así, unha das docentes de Formación Profesional, que estaba presente, manifestou que a Xunta, nesa especialidade, "oferta máis prazas ás empresas privadas" e criticou a forma na que o alumnado recibe a educación neses centros.

En relación á estabilidade, unha profesora dixo que ela "tivo a lotaría de atopar traballo e ter un contrato por curso escolar". Con todo, indicou que hai "moitas persoas interinas e substitutas", que despois de "10, 15 ou máis anos de servizo quedaron sen traballo".

A representación das familias tamén estaba presente no lugar. O presidente da Confederación de Ampas Galegas, Fernando Lacaci, expuxo a "necesidade de que haxa máis e mellores dotacións de profesorado", e doutros colectivos que "deberían de estar nos centros". Co cal, remarcou que o "gran problema" do ensino público é a "falta de medios para que o alumnado teña os apoios que necesitan nas súas formacións".

UNHA "DIFÍCIL" ORGANIZACIÓN DO CURSO

Este xoves iníciase o curso en Galicia e os sindicatos fan referencia a un "caótico" comezo. Ante iso, UGT-Ensino remarcou que "hai profesorado sen chamar", o que leva que "haxa claustros incompletos". Este ano entra en vigor a nova Lei de educación, a Lomloe, coa que se deben reformar as programacións. Desta forma, os sindicatos criticaron "a tardanza" nos decretos de currículos a "pesar de que xa están publicados polo Consello Escolar desde maio".

Outra das modificacións que se producen este ano é o cambio de libros nos cursos nos que se aplica a Lomloe. Isto tamén suscitou as críticas, xa que os pais deberán facer fronte a un gasto extraordinario que os sindicatos criticaron. O secretario nacional de CIG-Ensino reprobou a solicitude do presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, de que os libros de texto fosen gratis. A estes feitos Bermello lembrou "que foi el quen no 2009 decidiu que se eliminase esa forma gratuíta de acceder a eles".

"CON ESTA XENTE NON SE PODE"

A falta de confirmación por parte da Educación no número de profesorado, os manifestantes sinalaron que estes "recortes" foron "moito máis graves" a partir da pandemia. Tamén o secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, demandou que este curso é o segundo coa "maior redución de prazas desde que o PP chegou á Xunta". "Con esta xente non se pode", manifestou.

Desta forma, Bermello puxo de manifesto que no curso pasado houbo "869 docentes menos con respecto ao primeiro curso da pandemia" e con referencia a este curso, segundo a publicación dos destinos provisionais, "hai 717 docentes menos destas características". Así, avisou de que van seguir "denunciado que este non é a educación que merecen os mozos". "Camiñamos cara á precariedade e a deterioración do ensino público", sentenciou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta