Denuncian que a Xunta "censura" as protestas contra os recortes no ensino

A CIG esixe que "cesen as presións" por parte da administración e anima a todos os sectores afectados pola diminución de profesorado a "manter e incrementar as protestas".

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2022 | Actualizada ás 16:57

Comparte esta noticia

As denuncias da comunidade educativa polos "recortes" no ensino público están marcando, un ano máis, o regreso do estudantado galego ás aulas. Este mesmo venres, alumnado de bacharelato do IES Punta Candieira, en Cedeira, un dos centros afectados por reducións do profesorado, protagonizou unha sentada en favor do ensino público "de calidade". 

Protesta contra os recortes no IES Punta Candieira, en Cedeira
Protesta contra os recortes no IES Punta Candieira, en Cedeira | Fonte: Plataforma veciñal

Unhas mobilizacións que, segundo explica CIG-Ensino e a recentemente nada Plataforma veciñal SOS Punta Candieira, a Xunta de Galicia pretende "calar" a través de "prohibicións". E é que antes de retomar as aulas, indica o sindicato, "a Administración educativa, a través das inspeccións, estaba facendo chamadas á dirección do centro con ameazas para tratar de paralizar calquera reivindicación", baixo o argumento de que non poden tomarse gravacións no interior dos centros. A CIG asegura que este tipo de "ameazas" se veñen producindo tamén noutros centros escolares dende o inicio do curso. 

No caso do IES Punta Candieira, o motivo concreto das mobilizacións está na "supresión do profesorado feita pola Consellería neste centro" e que vai supor, explica a CIG, "un prexuízo para o alumnado ao imposibilitar desdobres, obrigar a que determinadas materias, incluso do bacharelato, sexan impartidas como afíns ou provocar aulas saturadas". Ante esta situación, "o alumnado, como toda a comunidade educativa, está no seu dereito a facer as reclamacións e mobilizacións que consideren oportunas, e iso debera tamén formar parte do que é a formación dun espírito crítico", engade o sindicato nacionalista.

Por iso mesmo, "recordan" á Consellería de Educación que "ningunha administración está lexitimada para coartar ou impedir por ningún medio a libre expresión ou manifestación da cidadanía en demanda dos medios e recursos que considera necesarios para o bo funcionamento dos servizos públicos". Esixen, xa que logo, o "cese das presións" por parte da Xunta á comunidade educativa e apelan a que "dirixa os seus esforzos a garantir un ensino público de calidade". 

Así mesmo, animan a "todos os sectores afectados a manter e incrementar as protestas" e "perseguir calquera pretensión involucionista por parte da Consellaría". Na mesma liña, dende a Plataforma veciñal SOS Punta Candieira alentan o estudantado a "continuar demandando o que precisan e non deixarse calar", a través de manifestacións e sentadas no exterior do colexio. Para este mesmo venres, prevén unha "masiva manifestación" ao final da tarde co apoio de todos os clubs deportivos de Cedeira e a meirande parte das asociacións culturais da zona. "Demostraremos que non nos van calar coas súas ameazas e represalias", sentenza a portavoz da Plataforma, María Pernas.

SITUACIÓN DO IES PUNTA CANDIEIRA

Segundo explica esta nai, a Consellería de Educación elimin no IES o posto de oito docentes e 18 matrículas. Como consecuencia, "o alumnado queda sen moitas optativas en bacharelato, sen aulas de convivencia, sen laboratorios de física e química, sen biblioteca, sen reforzos en materias, sen desdobramentos, e con gardas que en determinados momentos quedarán sen cubrir", enumera Pernas. Ante as protestas da comunidade escolar, a Consellería de Educación ofreceu a posibilidade de cursar certas optativas "en liña e sen profesor presencial"; e trasladoulles a decisión de cubrir o posto de dous profesores sen os cales tería que pechar un ciclo completo. 

Uns anuncios que provocaron "un enfado aínda maior" da veciñanza. "Demostran con isto que a educación dos nosos fillos é un mercado; queren comezar o curso e manternos calados, pero conseguen todo o contrario", denuncia Pernas. Xa en xullo, cando o profesorado soubo das intencións da Xunta, a dirección deste instituto dimitiu e informou as familias de xeito detallado das trabas coas que se atoparían para exercer o seu labor. 

Ademais, o pasado 3 de setembro, todas as forzas municipais con representación no Consistorio decidiron nun pleno extraordinario realizar unha declaración institucional en contra dos recortes e esixir unha reunión co responsable de Educación na Xunta, Román Rodríguez. "Estamos moi orgullosos dos apoios acadados por parte do pobo, de asociacións culturais e deportivas e tamén a nivel político. Somos moita xente loitando porque se cubran as necesidades básicas do alumnado", explica María Pernas, que lembra tamén o recorte de catro docentes no curso pasado. "Caladiñamente e pouco a pouco, van desmantelando a educación pública", di. 

Un proceso, alerta a Plataforma veciñal, que incrementa as desigualdades entre o alumnado. Por unha banda, porque as familias "se verán obrigadas a pagar do seu peto" e de xeito privado ese reforzo educativo das crianzas que precisan apoios especiais, e "non todas poden permitirse isto".

Pola outra, porque detrás destes recortes hai, di a Plataforma, unha "estratexia de concentración dos bacharelatos e ciclos nas cidades" que supón unha "desvantaxa" para as crianzas "por vivir no rural". Sobre todo, alerta Pernas, de cara á ABAU e ao futuro formativo do alumnado, que non pode cursar nos seus centros optativas necesarias para determinadas carreiras. "Non nos poden vender a idea de volver ao rural e logo facernos isto", sentenza a voceira da Plataforma.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta