Temas: BNG ANA PONTóN

Pontón, contra a proposta de Díaz de limitar os prezo dos alimentos

"Non se poden tomar decisións que llo poñan máis difícil aos produtores, que teñan marxes menores", defende a líder do BNG.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/09/2022 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu solucións "de calado" que vaian ao fondo dos problemas relacionados coa inflación e a suba dos prezos. Concretamente, sobre a proposta da vicepresidenta Yolanda Díaz de limitar o prezo dalgúns alimentos básicos, sinalou que "non se poden tomar decisións que llo poñan máis difícil aos produtores, que teñan marxes menores" e asegurou que non cre "na boa fe das distribuidoras".

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

"O que teñen que facer é evitar a especulación e aumentar as marxes de ganancia dos produtores", indicou Pontón nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional Galicia.

Cre a líder nacionalista que a Unión Europea ten responsabilidade na suba dos prezos, xa que as sancións "non castigan a Rusia, senón a cidadanía europea, con prezos máis elevados de electricidade e gas". "A Unión Europea non pode mirar a outro lado e tomar decisións, por exemplo, como subir as hipotecas, que afogan aínda máis ás familias", advertiu.

Pontón tamén criticou a actitude da Xunta, "paralizada" en virtude do que "lle vén ben ao PP de Madrid". Ante isto, insistiu en solicitar un plan de choque de mil millóns de euros, en apoiar a educación pública, "que agora conta con 700 profesores menos e cunhas familias que teñen que afrontar a volta ao cole máis cara dos últimos anos, cun gasto extraordinario de entre 400 e 1.200 euros por neno".

Tamén defendeu un plan extraordinario de 25 millóns de euros para familias de renda inferior a 12.000 euros, "para que a crise non expulse do sistema de ensino moitas persoas" e a necesidade de recuperar o cartón básico.

A isto engade a posibilade de aumentar a Risga e facela compatible co Ingreso Mínimo Vital e apoiar as pensións non contributivas co obxectivo de "despregar todo un flotador social".

Considera Pontón que estas medidas se poden aplicar xa que o ano pasado deixouse sen investir mil millóns de euros dos orzamentos, segundo lembrou.

Temas: BNG ANA PONTóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 chantadino

Alguén ten constatado aumento algún dos ingresos dos productores porque aumente a inflación ? Está ben contentar os productores e intermediarios pero a medio prazo a situación vólvese en contra dos productores que perden cuota de mercado e ingresos pola xugada dos contratos leiteiros.