O xulgado mantén a absolución ao porteiro de fútbol Álvaro Ratón dun delito de agresión sexual no Carballiño

O deportista foi absolto de novo despois de que a primeira sentenza fose anulada tras o recurso da defensa.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 12/09/2022 | Actualizada ás 17:33

Comparte esta noticia

O Xulgado do Penal número uno de Ourense volveu absolver ao porteiro ourensán do Real Zaragoza Álvaro Rato dun delito de agresión sexual e outro de lesións, dos que estaba acusado por uns feitos ocorridos en xuño de 2018 no Carballiño.

Álvaro Ratón.
Álvaro Ratón.

O xuízo contra o futbolista ourensán tivo lugar o pasado mes de febreiro de 2021. Con todo, a sentenza absolutoria emitida polo xulgado do Penal foi anulada pola Audiencia Provincial de Ourense tras o recurso da defensa, que estimou que non foran valoradas probas "substanciais".

Agora, o xulgado ratifícase no sentido da primeira sentenza ao entender que a versión da vítima "non se ve corroborada polo resto de medios de proba" e incide en que "non hai un cadro probatorio de signo incriminatorio".

Todo iso nun fallo contra o que cabe recurso de apelación e no que subliña que, para a elaboración desta sentenza, levouse a cabo unha "análise aínda máis pormenorizada da proba testifical, a pericial e a documental".

Os feitos remóntanse á noite de San Xoán de 2018 no Carballiño, cando unha muller denunciou que o futbolista se lle achegou con intención de intimar e tras o seu rexeitamento non aceptou a negativa, empurrouna, tentou bicala e someteuna a tocamentos. Reclamaba catro anos de cárcere para o deportista, 10.000 euros de indemnización e unha orde de afastamento de 500 metros.

Dez meses máis tarde da primeira sentenza, a titular do xulgado do Penal reafírmase na súa resolución absolutoria. A primeira foi anulada pola audiencia, que ordenou que se repetise o fallo porque "na resolución se omitiu a valoración de probas substanciais que poderían alterar o contido do fallo".

Dese xeito, mentres que en febreiro o Xulgado do Penal absolvera o futbolista manifestando que "a culpabilidade do deportista non quedaba acreditada máis aló de toda dúbida razoable", a Audiencia Provincial considerou que "había detalles que non se tiveron en conta".

Entre eles reclamaban o contido dunhas fotografías achegadas na vista que consideraban "non se valoraron de forma correcta" e "constituían un dos principais elementos para privar de veracidade a declaración da denunciante".

Nesta nova sentenza, a maxistrada argumenta ao longo de 30 folios que mantén o sentido de sentenza despois de levar a cabo unha "análise aínda máis pormenorizada da proba testifical, a pericial e a documental" como marcara a audiencia.

Sostén que a versión dos feitos que ofrece a vítima "non se ve corroborada polo resto de medios de proba" e incide en que "non hai un cadro probatorio de signo incriminatorio".

Ademais, lembra que o testemuño da denunciante "debe estar rodeado de corroboracións periféricas de carácter obxectivo", algo que considera que "non se cumpre neste caso".

Así mesmo, asevera que a vítima "non mantivo unha versión única sobre o lugar ao que foi lanzada polo acusado, o cal é relevante en canto ás lesións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta