Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 14/09/2022 | Actualizada ás 16:48
A alcaldesa da Coruña, Inés Rei, instou á Xunta a axilizar os trámites para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) da Casa Cornide. Fíxoo, a preguntas dos xornalistas, despois de que os Franco volvesen a pór á venda o inmoble, polo que o goberno local anunciou a súa intención de presentar unha demanda para a súa recuperación ao patrimonio público.
Por todo iso, instou á Xunta a axilizar os trámites de declaración como BIC do inmoble, solicitada "fai dez meses", dixo. "Espero que non esgote o prazo legal --24 meses-- e que emita canto antes ese informe que nos axudaría a armar a demanda" para a súa recuperación ao patrimonio público.
A XUNTA RESPONDE DICINDO QUE NON DEA "ESCUSAS"
A Consellería de Cultura instou á alcaldesa da Coruña a non dar "escusas" sobre a demanda anunciada polo goberno local para recuperar a Casa Cornide, na actualidade propiedade do Franco.
Segundo precisaron a Europa Pres desde o departamento autonómico, a Casa Cornide "goza da máxima protección patrimonial desde 2021 despois de que a Xunta iniciase o expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) o 24 de maio dese ano".
"A normativa establece que os técnicos teñen 24 meses para completar este proceso polo que están en prazo". "Pero a protección é completa desde entón", recalcan. Ademais, e despois de que a rexedora instase a axilizar a declaración BIC, remarcan que o feito de que un ben sexa considerado así "non impide que poida venderse". "Se ten un comprador, o propietario debe comunicalo previamente á Xunta, pero non pode impedirse a venda".
"O único que impide a venda é unha decisión xudicial e, para iso, o Concello da Coruña pode iniciar unha demanda cando queira". "Por tanto, a alcaldesa non debe dar escusas, non necesita esperar a que o expediente BIC termine para emprender unha reclamación xudicial". "Se non o fixo xa é porque non quixo", apostilan.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.