Vellos e novos problemas graves pendentes de solución

Neste mes de Agosto de 2022 estiveron converxendo, no ámbito do Estado español e noutros países da contorna europea, un conxunto de circunstancias que remiten a problemas de moita fondura. Ademais do que representou a invasión de Ucraína polo Exército ruso -no plano da vulneración das regras que deben rexer as relacións entre Estados soberanos e nas importantes consecuencias económicas que provocan nas sociedades da UE e no propio corpo social da Federación rusa- estamos asistindo á multiplicación de incendios forestais e a importantes ameazas no suministro de auga por mor da intensa seca que se está a rexistrar nas últimas semanas.

Por Xesús Veiga | Compostela | 15/09/2022

Comparte esta noticia
Os incendios e os déficits nos recursos acuíferos remiten a dous denominadores comúns que van mais alá das especificidades indiscutíbeis que se presentan nos distintos territorios: a minusvaloración practicada polas diversas administracións públicas (coa derivada resultante dunha insuficiencia de políticas preventivas fronte a semellantes fenómenos) e a incidencia novidosa dos primeiros efectos da crise climática que se ven anunciando dende hai tempo.
 
No caso concreto do Estado español, a distribución competencial entre a Administración central e as CC.AA neutraliza calquera intento de atribuír, en exclusiva,  as responsabilidades polos erros e deficiencias na xestión a unha determinada equipa gobernamental. Os graves incendios rexistrados en Castela e León e na Galiza -por citar dous exemplos destacados- interpelan prioritariamente aos executivos que presiden Mañueco e Rueda: en ambos casos, o PP non pode invocar a escusa dunha falta de experiencia porque leva moitas décadas manexando un importante volume de recursos humanos e materiais para tentar minimizar o desastre incendiario. Pretender reducir as causas explicativas ás accións deliberadas -ou involuntarias- dunhas cantas persoas supón, a estas alturas da historia recente, un insulto á intelixencia de quen sabemos que compre integrar na análise factores tan relevantes como o abandono do medio rural, as erradas políticas forestais realizadas e o fracaso reiterado das medidas preventivas.
 
Os datos sobre a caída da taxa de natalidade e o informe do Consello da Xuventude sobre as dificultades de emancipación que padecen as persoas menores de 30 anos, completaron o cadro das doenzas estruturais que ocuparon a atención mediática, aproveitando o relativo descanso proporcionado polo menor consumo da política "low cost". Sabíase, dende hai tempo, que ambas realidades están conectadas: non é realista pensar nunha inflexión da curva descendente dos nacementos se, polo menos, non se varían substancialmente as políticas (de emprego, salariais, de vivenda, de conciliación...) que inciden nas expectativas de futuro  que manexa a xente xove na nosa sociedade. Tamén se sabía cal ía ser a reacción da oposición -PP e Vox- aspirante a dirixir os destinos do Estado a partir do ano que ven. A pesar de que non pode alegar ignorancia porque, nos 13 anos que presidiu o goberno da Xunta, coñeceu a densidade de todas as cuestións que se fixeron presentes neste mes de Agosto, Feijoo e a súa equipa non teñen propostas relevantes que aportar. Só manexan un rexistro na súa táctica partidista: agardar que o proceso inflacionista e as medidas restritivas ditadas polo Banco Central Europeo alimenten un clima de frustración social que lles axude a conquistar o poder.
 
Moito antes, neste Setembro que agora vai comezar, Italia pasará polas urnas e teremos un termómetro da temperatura política que aturaremos a partir de agora en Estados relevantes da UE. Se os prognósticos das enquisas se confirman e, finalmente, o partido mais votado é o da fascista Maroni, estaremos emprazados -como corpo social- a demostrar que non queremos regresar ás dinámicas políticas de hai 100 anos para enfrontar os graves problemas que padecemos. Que ninguén pense en preguntarlle a Feijoo por este asunto porque xa sabemos a súa solución: non sabe ou non resposta.

Dúas persoas abrázase nas inmediacións do incendio, a 5 agosto de 2022,  no Vento, parroquia de Cea, na comarca de Salnes e o concello de Villagarcía de Arousa
Dúas persoas abrázase nas inmediacións do incendio, a 5 agosto de 2022, no Vento, parroquia de Cea, na comarca de Salnes e o concello de Villagarcía de Arousa | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.