Crise en Galicia: a inflación enche os comedores sociais, que sofren unha baixada de doazóns particulares

A estampa parécese aos tempos máis difíciles da pandemia, pero tamén achega unha reflexión sobre o "valor das respostas colectivas" en tempos de crise.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A suba do prezo dos alimentos tamén ten o seu impacto nos bancos de alimentos e nos comedores sociais, que ven como as doazóns da veciñanza se resinten á vez que aumenta a demanda de axuda por quen non é capaz de chegar a fin do mes con diñeiro no peto. Na Cociña Económica da Coruña atenden ao redor de 1.200 persoas diarias, e no comedor de Cáritas en Ourense serven xa unhas 400 comidas e ceas ao día, fronte a unha media de comezos de ano que non superaba as 190. 

Persoas fan cola ás portas dun comedor social.
Persoas fan cola ás portas dun comedor social.

"Son cifras que nos recordan ao peor da pandemia", explica Mari Carmen Alonso, coordinadora en Cáritas Ourense. "Este incremento é un moi bo indicador das dificultades que enfrontan moitas persoas, e vemos que é coincidente con factores adversos para as familias como a inflación e o levantamento da Tarxeta Básica", unha medida creada durante a pandemia que facilitaba axudas económicas a familias en situación de vulnerabilidade para comprar produtos de alimentación, hixiene ou farmacia. A Xunta de Galicia eliminouna o pasado mes de xuño entre críticas da oposición e de organizacións sociais. 

As que pasan polo comedor social de Cáritas Ourense á procura dun prato quente son, sobre todo, familias novas con menores a cargo, homes que viven sós ou persoas migrantes chegadas recentemente a Galicia, explica Alonso, que teme como se desenvolva a situación coa chegada do inverno e do frío. Por iso mesmo, Alonso fai un chamamento á solidariedade común e enxalza as "respostas grupais e colectivas que seguen en pé a pesar das condicións, e nunha sociedade cada vez máis individualista". 

Porque no funcionamento dos propios comedores sociais tamén impacta a suba de prezos nos produtos básicos. Ao igual que o foi a pandemia, este contexto de inflación supón unha "proba de estrés máis" que procura superarse "aplicando orzamento" e "priorizando" compras. "Un comedor social articúlase por parámetros de intervención social e non económicos, polo que a calidade nunca se resinte, seguimos escollendo produtos de cercanía, frescos e da mellor calidade", sinala Alonso. 

SOBE A DEMANDA, BAIXAN AS ACHEGAS

Na Cociña Económica da Coruña viven con preocupación tanto o incremento de persoas usuarias como a suba de prezos, que repercute nas doazóns. "O aumento do 21% de usuarios atendidos vai aparellado a unha baixada nas achegas da xente que colabora. Tocaramos un teito no 2020 e no 2021, cando o confinamento fixo que moitas persoas se involucraran na labor social, pero esta nova crise fai que moita xente aprete un pouco máis o cinto e iso é fácil de entender", relata a Galicia Confidencial o administrador, Óscar Castro, que alerta que as diferentes crises "se van sumando" e deixan "xente en situacións moi precarias". 

A Cociña Económica da cidade, con máis de 136 anos de vida, recorre a subvencións públicas da Xunta, da Deputación e do Concello da Coruña para desenvolver o seu labor, máis asegura que "sen a colaboración de asociacións e doantes sería imposible cubrir o orzamento de gastos". "Vimos soportando un incremento de prezos moi grande, tan só en pan gastamos máis de 5.000 euros, mentres que o ano pasado non superabamos os 4.000 e pico", sinala Castro, "á expectativa" da valoración final sobre as achegas da cidadanía que poidan facer en decembro, o mes de "maior solidariedade". 

O perfil de persoas que atende a cociña, di Castro, foise "diversificando" nestes últimos tempos e abarca xa un amplo abano de poboación, "dende crianzas ata persoas maiores". "Os parados de longa duración ou persoas en situación de exclusión social ou con adiccións xa non son as únicas que se achegan. Calquera persoa sen traballo cunha prestación pequena pode ser susceptible de s er atendido pola cociña, e incluso os chamados traballadores pobres aos que o soldo non lles dá para chegan a fin de mes", explica. 

Dende a cociña recoñecen que están "desexando que acabe este ano". "Pensabamos que co remate da pandemia isto ía mellorar, pero entre a guerra, o incremento de prezos e a inestabilidade laboral que aínda sufrimos, a situación é difícil. Procuraremos que o ano que vén a xente volva confiar e remontemos de novo, como fixemos con outras crises", anima o administrador da organización. 

BANCOS DE ALIMENTOS

Os bancos de alimentos tamén sofren a crise, e iso nótase especialmente nas operacións kilo, onde se vén recollendo "unha cuarta parte" do que se recollía anteriormente, segundo o  responsable da Federación Galega de Bancos de Alimentos e presidente do de Santiago, José Pita. Sobe todo e escasean produtos básicos como as legumes ou o leite, mentres que outros tamén moi demandados como o arroz "manteñen o seu prezo", explica Pita, que destaca o apoio das administracións e de empresas como Queixos Baña, que achega ata "4.000 queixos cada ano", ou a Papelera de Brandia, que sempre "pon as uvas no Nadal". 

Con todo, dende o Banco de Alimentos observan igualmente un incremento do número de asociacións que piden axuda. "As expectativas son complicadas, mais seguimos traballando por unha sociedade na que estes bancos de alimentos, dende os que traballamos por un acceso de todas as persoas á alimentación e contra o malgasto de comida, non teñan que existir. Sería o reflexo de que todas as necesidades básicas están ben cubertas", finaliza José Pita. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta