O fiscal xeral do Estado avoga por incautar as ganancias aos narcotraficantes para combater o tráfico de droga

Avisa de que non é un problema que rematase en Galicia.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 19/09/2022 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz, destacou que a "prioridade" da Fiscalía á hora de combater o tráfico de drogas é incautar aos delincuentes as ganancias obtidas do narcotráfico para evitar o seu enriquecemento á conta da saúde pública. "O punto máis importante agora mesmo" na persecución do tráfico de drogas, segundo explicou, é "a incautación e a xestión do diñeiro e os activos que se lles poden atopar ás persoas que son responsables do delito de tráfico de drogas".

O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz
O fiscal xeral do Estado, Álvaro García Ortiz | Fonte: M. Dylan - Europa Press.

Así o manifestou en declaracións previas á inauguración da Xunta Xeral da Fiscalía Especial Antidroga e do curso 'A recuperación de activos nos delitos de tráfico de drogas e branqueo de capitais procedentes do narcotráfico', xornadas que acolle desde este luns o pazo de Mariñán, situado en Bergondo.

García Ortiz cualificou o narcotráfico como un "cancro social, económico, sanitario e na educación dos nosos fillos". "Delito no que en Galicia somos especialmente sensibles, pero no que se están facendo avances importantes", puntualizou.

"Non damos un paso atrás, senón que hai que impulsar todos os instrumentos posibles: os tecnolóxicos, os humanos e de cooperación internacional", sinalou.

O fiscal xeral do Estado informou, ademais, de que participou nunha "moi interesante reunión" con dúas asociacións de vítimas sobre a "concienciación" no tema do narcotráfico.

"Creo que coincidimos en que o problema da droga non é un problema que finalizase", explicou. "Priorizamos a resposta legal e xurídica fronte ao problema", engadiu.

Doutra banda, García Ortiz apelou a un acordo de colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta para que o Pazo de Mariñán se converta nun lugar onde os fiscais se reúnan "con máis frecuencia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta