O TSXG confirma que Augas de Galicia debe pagar máis de 2 millóns á Conferencia Miño-Sil por obras hidráulicas

A débeda parte dos sobrecustos derivados de 11 convenios de colaboración subscritos entre 2001 e 2007

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2022 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou unha resolución emitida en xullo de 2021 pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pola cal Augas de Galicia, dependente da Xunta, debe abonarlle máis de 2,1 millóns de euros por unha débeda derivada de 11 convenios de colaboración subscritos entre 2001 e 2007 para acometer obras hidráulicas.

En concreto, a Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo desestimou un recurso interposto pola Administración autonómica, que non só deberá pagar os 2.145.608,05 euros de débeda polos sobrecustos dos traballos executados, senón tamén as costas do litixio, ata un máximo de 1.500 euros.

As referidas 11 obras hidráulicas, segundo recolle o fallo, contra o que aínda cabe recurso de casación, parten doutros tantos convenios de colaboración subscritos entre xullo de 2001 e decembro de 2007. De feito, o alto tribunal galego subliña que "non existen dúbidas razoables" das obrigacións que asumiron as dúas partes concertantes dos acordos, que partían do que fora "previamente estipulado" nun protocolo de colaboración do ano 1999.

En virtude do mesmo, o organismo estatal --entón, Conferencia Hidrográfica do Norte-- encargaríase do 85 por cento do importe dos investimentos precisos, mentres que o 15 restante sería a cargo da Administración galega.

Ademais, lembran os maxistrados, o protocolo estableceu que, en canto aos sobrecustos das obras "que puidesen producirse por calquera incidencia", que o porcentaxe o asumirían ambos os organismos "na mesma proporción".

Durante o desenvolvemento do xuízo, tal e como consta no fallo, o avogado do Estado achegou "cada un dos convenios, coas súas incidencias, que inclúen documentos contables de pago, certificacións, facturas, modificados e correos electrónicos reclamando o seu pago". Eses documentos, segundo a Sala do Contencioso-Administrativo, "dan conta tamén dos pagos que, en execución dos convenios, fóronse producindo ata os anos 2008 e 2010".

No entanto, a demanda interposta pola Xunta pretendía que se anulase a liquidación desas débedas, argumentando que xa transcorrera o prazo para esixila. Ademais, a Administración autonómica sostiña que os aumentos de gasto que deron lugar á débeda "non están acreditados", polo que solicitaban a súa anulación.

Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo
Sede TSXG. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta