O alcalde de Santiago pide reflexión sobre a necesidade de máis licenzas de taxi ou "optimizar" as actuais

Sobre o saneamento do barrio de Mallou, Sánchez Bugallo, indicou que este asunto ía vinculado á plataforma loxística que, como lembrou, está financiada con 4 millóns de euros de fondos europeo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2022 | Actualizada ás 18:06

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, apelou a "reflexionar" sobre se é necesario aumentar o número de licenzas de taxi na cidade ou se deben "optimizarse" as actuais ante a existencia dunha situación "relativamente complicada" con este servizo na cidade.

Estas declaracións tiveron lugar, a preguntas dos xornalistas, a mañá deste mércores na Cidade da Cultura no acto de presentación das probas do proxecto Amu-Led, no que se presentaba, entre outros, un 'aerotaxi'.

Así, o alcalde sinalou que o cambio que se produciu no aeroporto, ao que cada vez chega máis turismo, ou a cantidade de congresos que se producen na cidade, vai "obrigar a reflexionar" se son necesarias máis licenzas de taxi ou "se os taxistas deben optimizar o funcionamento das súas licenzas".

"Actualmente das 147 licenzas, soamente hai 54, aproximadamente, que están a traballar a dobre ou tripla quenda, moitos traballan a simple quenda", indicou o alcalde, que lembrou que o número de licenzas non se modifica "desde hai 36 anos".

A preguntas dos xornalistas sobre o funcionamento do transporte no aeroporto, Bugallo defendeu que o servizo de autobús funciona "estupendísimamente ben". Así, indicou que a frecuencia é desde as 6,00 horas ás 00,00 horas, o que significa que "cobre todos os voos".

En referencia ao número de viaxeiros que transporta o servizo público, o alcalde sinalou que "é catro veces maior que o número de viaxeiros que transportaba no 2019". Con todo, incidiu que "da mesma maneira que o número de viaxeiros do aeroporto creceu un 8,8 por cento, a cifra de usuarios de bus creceu un 300 por cen".

"Agora mesmo hai unhas 50 expedicións diarias desde as 6,00 horas ás 00,00 horas, iso implica tres autobuses cada hora, un bus cada 20 minutos, máis do dobre do que había no 2019, que eran 22", remarcou o primeiro edil.

SANEAMENTO MALLOU

Preguntado polos medios sobre o saneamento do barrio de Mallou, indicou que este asunto ía vinculado á plataforma loxística que, como lembrou, está financiada con 4 millóns de euros de fondos europeo. Na actualidade, a localización da plataforma cambiou ao Polígono do Tambre, co cal a contía procedente destes fondes investirase alí e non na localización inicial, o barrio de Mallou.

O alcalde sinalou que o goberno local reservara 350.000 euros para as actuacións no distrito e que esa cifra se incrementou "cun millón máis". Bugallo avanzou que "vai recibir aos veciños" o próximo 4 de outubro para falar e establecer unha orde de prioridades. Así pois, a cifra total para levar a cabo a mellora é de máis dun millón de euros.

Xosé Sánchez Bugallo / Concello de Santiago de Compostela. / Europa Press
Xosé Sánchez Bugallo / Concello de Santiago de Compostela. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta