Crise en Galicia: obras paradas e contratos obsoletos, así se vive a inflación na construción

O sector urxe un mecanismo "realmente efectivo" para que "todas as empresas poidan acollerse á revisión duns prezos que están disparatados" e que, din, "poñen en perigo a viabilidade de moitas compañías".

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/09/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O sector da construción vive momentos de "incerteza". O incremento dos prezos nas materias primas, primeiro pola pandemia, logo polos chamados pescozos de botella na distribución, que fixeron escasear os suministros, e agora pola guerra de Ucraína, provoca que moitas empresas da construción se vexan obrigadas a ralentizar ou paralizar proxectos e renegociar os orzamentos coa clientela. 

Construción.. XUNTA
Construción.. XUNTA

"Un 10% da obra caeu por renuncias e outro 70% temos que volver negociala", calcula José Antonio Martínez, que leva 34 anos no sector e é xerente de 'Marnosa Gestión Obras'. "Cando che adxudican unha obra, tes que pedir licenzas que poden tardar ata catro ou cinco meses. Nese tempo moitos dos prezos das materias primas disparáronse, polo que estamos nunha constante renegociación dos orzamentos para ver como se poden axustar, o que xera bastantes problemas", sinala Martínez. Estas subas, prosegue, "non podes asumilas e moitas tes que repercutilas, por iso hai algunhas obras que caen e outras ás que temos que renunciar". 

SITUACIÓN "MOI COMPLICADA"

A situación que describe este construtor é a que enfronta todo o sector, que ve como nos últimos meses se estabilizaron os prezos dalgúns materiais, sobre todo aqueles que requiren menos consumo de enerxía, pero "a niveis moi altos". "A maioría seguen estando disparados", explica o presidente da Federación Galega de Construción, Diego Vázquez. "Se a iso lle sumamos a guerra de Ucraína e a suba do IPC, a situación é moi complicada". Segundo indica, "tampouco axudaron" os decretos de revisión extraordinaria de prezos aprobados polo Goberno de España, xa que, segundo un informe da Federación, "só afectan o 3% das obras en España". 

En concreto, materiais como o cemento, o formigón, a cerámica ou a madeira seguen rexistrando ascensos nos prezos, mentres que outros, como o aceiro, reducen levemente o seu custo. De xeito xeral, a Confederación Nacional de la Construcción (CNC) estima que o prezo dos materiais de construción se incrementou máis dun 32% nos últimos meses. Ademais, matiza Martínez, "hai que ter en conta que non só soben as materias primas para as obras, senón tamén os gastos internos das empresas - custos en transporte, en enerxía e mesmo nos materiais de oficina -, polo que as marxes son moito máis complicadas de xestionar". 

Construción de casas e edificios para vivendas
Construción de casas e edificios para vivendas | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Neste contexto, dende a Federación Galega da Construción alertan dos "prexuízos económicos" que supoñen para as empresas do sector a "ralentización do inicio de moitas obras nos últimos meses e incluso a súa paralización": "este tipo de custos non se poden repercutir nos clientes finais, e por tanto, acaba afectando á rendabilidade das empresas", explica.

A realidade é "frustrante", describe. "Por unha banda, despois de moitos anos cunha inversión moi pequena, atopabámonos cun aumento considerable da carga de traballos grazas ao incremento dos encargos tanto no ámbito privado coma no público, tamén relacionado coa execución dos fondos europeos; pero por outra banda temos moi complicado defender economicamente esas execucións", sinala Vázquez.

Por isto, a Federación pide "urxentemente" un mecanismo "realmente efectivo" para que "todas as empresas, independentemente do seu tamaño, poidan acollerse a esa revisión duns prezos que están disparatados e que poñen en perigo a viabilidade das nosas compañías e o mantemento de todo o emprego aparellado". 

FALTA DE MAN DE OBRA

Á suba de prezos súmase outra dificultade máis que semella cronificarse no sector da construción. "A medio e longo prazo, un dos principais problemas segue a ser a falta de persoal cualificado para traballar no sector debido á falta de remuda xeracional", explica o presidente da Federación. De feito, nestes días, dende a Confederación Nacional de la Construcción (CNC) alertaban que a mocidade de 16 a 29 anos representan só un 9,1% dos traballadores do sector fronte ao 25% que supoñían no ano 2008. 

A necesidade de persoal cualificado afecta todos os oficios básicos, sinala Vázquez. "Os máis demandados na actualidade son albaneis, carpinteiros, electricistas, fontaneiros, encofradores, pintores, operadores de maquinaria ou montadores de estruturas metálicas que non se repoñen tras as xubilacións". Segundo estimacións da Fundación Laboral da Construcción de Galicia, necesitaríanse incorporar máis de 3.000 traballadores novos cualificados para cubrir os postos do persoal que se xubila e o incremento de actividade das empresas. 

Esta falta de man de obra tamén provoca que moitos proxectos non poidan executarse por parte das empresas. "Hai algunhas obras que non temos capacidade humana para asumilas por este motivo", explica Martínez, que relata que incluso lles chegan moitos proxectos que renunciaron outras empresas anteriormente, "non por custes, senón porque non hai man de obra".

A vantaxe do seu equipo, di, é que despois de décadas no sector, ten unha gran rede de contactos creada. "Imos tirando de aí, pero case de favor. Na miña vida pensei que tería que chegar a pedir por favor que me traballasen porque non atopo xente. Este é outro dos grandes problemas do sector", conclúe. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta