A CIG pide ao Goberno aclarar a capacidade de evacuación para as Pontes no concurso de transición xusta

A CIG fixo estas peticións ante a modificación que Rede Eléctrica de España (REE), empresa pública de transporte de electricidade, fixo dos criterios técnicos para calcular a capacidade de evacuación, contemplando tres escenarios diferentes.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/10/2022 | Actualizada ás 19:30

Comparte esta noticia

A Confederación Intersindical Galega (CIG) solicitou ao Ministerio para la Transición Ecológica, á Xunta de Galicia e ao Concello das Pontes de García Rodríguez que aclaren que capacidade de evacuación terá asignada a central eléctrica deste municipio no concurso de transición xusta.

Nun comunicado, a organización sindical volveu a reclamar a convocatoria pública para a liberación "urxente" dos 700 megawatts (MW) de evacuación que Endesa ten asignados para os grupos 3 e 4 da central térmica, cuxo peche xa foi autorizado. Así, pediu a convocatoria de concurso de transición xusta deses MW, "pois é aí onde realmente a comarca xógase as súas posibilidades de reindustrialización".

A CIG fixo estas peticións ante a modificación que Rede Eléctrica de España (REE), empresa pública de transporte de electricidade, fixo dos criterios técnicos para calcular a capacidade de evacuación, contemplando tres escenarios diferentes.

Nese novo sistema de cálculo, á central das Pontes corresponderíanlle 0MW de evacuación, é dicir, non tería concurso de transición xusta, segundo critica a CIG, perdendo así a posibilidade de recibir propostas industriais e sociais ligadas á capacidade de evacuación.

Aínda así, Endesa ten preasignados, antes dos cambios de criterio de REE, uns 640 MW, que si se poderían adxudicar, "a condición de que a Xunta considere os proxectos como estratéxicos".

"De confirmarse estas premisas, As Pontes estaría a perder o seu único atractivo para a reindustrialización da comarca, posto que o Concello carece de chan industrial e quedaría só coa alternativa de Endesa, sen ningunha outra competidora e sen que, ademais, todos os proxectos ata agora anunciados tiveses capacidade de evacuación suficiente", lamentou a CIG.

O sindicato lembrou que segundo estaba previsto, cando unha central eléctrica ten autorización de peche, os seus MW de evacuación que estaban á súa disposición, e que son propiedade de REE, tiñan a obrigación de saír a un concurso público. Neste proceso presentaríanse as diferentes ofertas con proxectos industriais e propostas sociais.

"A capacidade de evacuación de MW é determinante para poder acometer novos proxectos enerxéticos e no caso das Pontes esta capacidade debería ser, ao peche completo da térmica, de 1.400 MW", reivindicou a CIG.

Reactivación da central térmica de Endesa nas Pontes
Reactivación da central térmica de Endesa nas Pontes | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta