Galiza Nova tamén se apunta ao Tiktok para "desmontar algúns dos prexuízos que existen contra o galego"

Presenta a I edición do Certame de Tiktok no marco da campaña “O Galego Vai Contigo”.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 05/10/2022 | Actualizada ás 10:10

Comparte esta noticia

Galiza Nova, a organización xuvenil do BNG, convoca o I certame de creación de contidos a través da plataforma Tiktok, co obxectivo de visibilizar e dinamizar a comunidade galegofalante nesta plataforma e "desmontar algúns dos prexuízos que existen contra o galego".

Concentración de Galiza Nova
Concentración de Galiza Nova | Fonte: Galiza Nova

No marco da campaña “O galego vai contigo”, presentada a comezos do mes pasado, a organización xuvenil do BNG busca contribuír ao espazo onde poder expresarse e consumir contido en galego, buscando a normalización da lingua tamén nas redes sociais.

Para participar no certame hai que subir un vídeo á citada plataforma antes do domingo 16 de outubro e entre os premios contan con libros como “As Ramonas” de Ana Cabaleiro ou xogos de mesa en galego da marca “O Zoco Gz”.

O xurado estará composto polas “tiktokers” María Pradorrúa, Iris Gestoso e Sara Seco e comunicaranse as persoas premiadas mediante outro vídeo de Tiktok nesta mesma campaña. 

"Esta campaña pretende contribuír á autoestima lingüística das falantes, especialmente nas idades onde se dan as mudanzas como é o comezo da formación profesional ou superior, así como desmontar algúns dos prexuízos que explican o progresivo abandono xeral da lingua galega", apunta a organización nacionalista.  

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta