Os outros impactos da varíola do mono: estigmatización e problemas de saúde mental

Expertos advirten das consecuencias psicolóxicas negativas desta nova epidemia en contaxiados e sanitarios, e alertan do sinalamento público á comunidade gai, como aconteceu coa sida.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 06/10/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia rexistraba a 4 de outubro de 2022 un total de 121 casos confirmados de varíola do mono, cifra que representa o 1,7 % do total de casos no Estado español, que se elevaban a 7.209 (7.060 homes e 149 mulleres), sendo Madrid (2.495 casos, 34,6 % do total) e Cataluña (2.143, 29,7%) as autonomías con maior incidencia.

Varíola do mono
Varíola do mono | Fonte: AXENCIA DE SEGURIDADE SANITARIA DO REINO UNIDO - Europa Press.

Os datos do Ministerio de Sanidade indican que un 72,5% dos infectados, até agora, presentaron algunha sintomatoloxía xeral ao longo do seu proceso clínico (febre, astenia, dor de garganta, dor muscular ou cefalea), sendo a febre a máis frecuente. Ademais, un 3,5% dos contaxiados foron hospitalizados: 66 en Madrid, 44 en Cataluña, 28 na Comunidade Valenciana, 22 en Andalucía, 13 no País Vasco, 13 en Galicia, 7 en Aragón, 7 en Asturias, 7 en Baleares, 4 en Canarias, 4 en Castela e León, 4 en Murcia, 3 en Castela-A Mancha, 3 en Cantabria, 2 en Estremadura e 2 en Navarra, sendo a maioría homes (223 casos) e seis mulleres. Ademais, tres varóns foron hospitalizados na UCI por esta enfermidade.

“Os gromos de varíola do mono e a súa contención poden causar problemas de saúde mental como tristeza, rabia, frustración, depresión e ansiedade"

No mundo, desde o 1 de xaneiro ata o 2 de outubro de 2022, a enfermidade estendeuse por 106 países e informouse de 68.900 casos confirmados en laboratorio de varíola do mono e 25 mortes.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) constatou que na semana do 26 de setembro ao 2 de outubro de 2022, o número de casos de varíola do mono notificados en Europa e América diminuíu, impulsando a tendencia global á baixa observada desde agosto, rexistrándose 7.147 novos casos (aumento do 11,6% no total dos casos) e tres novas mortes.

O 23 de xullo pasado, a OMS declarou o gromo de varíola do mono como emerxencia de saúde pública de importancia internacional, nivel máximo de alerta fixado polo Regulamento Sanitario Internacional cando unha patoloxía infecciosa se expande a diferentes países de forma descontrolada. E o 5 de outubro, lanzou o seu plan estratéxico de preparación e resposta contra a varíola do mono, que describe as accións prioritarias necesarias para deter a transmisión entre humanos, minimizar a transmisión animal-humano do virus nos países afectados e protexer os grupos vulnerables en risco de enfermidade grave.

Ao igual que acontece con outras enfermidades víricas, como a sida ou a covid-19, a varíola do mono non só causa afeccións físicas, tamén pode orixinar problemas de saúde mental e estigmas sociais. Por iso, un grupo de científicos, entre os que se atopa o galego José Manuel Lorenzo, fai unha “chamada á acción” para contrarrestar estoutro impacto da enfermidade nas persoas. Non se refiren só aos propios contaxiados, senón tamén ao conxunto da poboación.

“Os gromos de varíola do mono e a súa contención poden causar na xente problemas de saúde mental como tristeza, rabia, frustración, depresión e ansiedade. Como resultado, terán un amplo impacto nunha ampla gama de ámbitos, desde impactos adversos sobre a economía, o comportamento social, a saúde, ata o comercio de animais”, advirten.

Ante un virus que “amplía o seu horizonte para afectar a máis e máis persoas no mundo”, destacan que “gran parte do que están a facer países e organizacións internacionais como a OMS agora está a centrarse en probar, illar, vacinar e tratar as persoas infectadas polo virus da varíola do mono, aumentar os programas de concienciación sobre a enfermidade e promover o desenvolvemento de fármacos, estratexias terapéuticas e vacinas en un esforzo para controlar e mitigar o impacto da epidemia”.

Pero tamén alertan de que a epidemia de varíola do mono chegou nun momento crítico para os sistemas de saúde, tensados pola pandemia de covid-19: “Moitos sistemas de saúde xa sobrecargados loitan por facer fronte a un aumento alarmante do gromo de varíola do mono no medio dunha pandemia continuada de covid-19 que son motivo de gran preocupación para a saúde pública”, comentan.

No caso da varíola do mono, “as repercusións sobre a saúde mental aínda non foron ben comprendidas”

A situación podería complicarse aínda máis con impactos negativos colaterais, xa que “se espera que a imprevisibilidade e a ansiedade causadas pola epidemia da varíola do mono conduzan a un aumento da prevalencia de trastornos de saúde mental”, explican os expertos.

Relacionado con isto, e ao igual que aconteceu durante décadas cos enfermos de sida ou ao inicio da pandemia de covid-19 cos contaxiados, os infectados con varíola do mono poden ser tamén vítimas de rexeitamento social. De feito, como lembran estes científicos, “as preocupacións sobre a estigmatización e o illamento social dos pacientes, sobreviventes e as súas familias foron prevalentes durante o gromo de varíola do mono nos anos 2017/18 en Nixeria, que se caracterizou por un medo e pánico tremendos entre o público”.

Ante isto, consideran que “é fundamental que as iniciativas de saúde pública describan con precisión a propagación de enfermidades contaxiosas, xa que unha epidemioloxía precisa reduce o risco de estigma social ao aumentar a conciencia e fomentar a implementación de intervencións preventivas nas poboacións dirixidas”.

A comunidade científica sabe que a ansiedade pola saúde é un dos diversos factores mentais que afectan o xeito en reaccionamos ante unha epidemia vírica. No caso da varíola do mono, os enfermos “adoitan ter emocións negativas” e mesmo poden ter pensamentos suicidas; de feito, como recordan estes científicos, “mesmo se informou dun caso de suicidio durante o gromo de 2017 en Nixeria”.

Así, lembran a existencia de estudos recentes sobre impacto das emerxencias de saúde pública relacionadas con enfermidades infecciosas na saúde mental, o suicidio e a conduta suicida, as autolesións e os pensamentos psicoloxicamente negativos que “revelaron unha tendencia crecente nos trastornos asociados á saúde mental e reportáronse algúns casos de suicidios durante epidemias como a do SARS en Hong Kong e a pandemia de covid-19 en curso”.

Malia que a ansiedade pola saúde é un factor importante nas epidemias, e de que os factores mentais teñen unha “influencia significativa no éxito das estratexias de prevención utilizadas para controlar os gromos, como a comunicación de riscos, a medicación antiviral, a inmunización, o distanciamento social e os hábitos de hixiene”, advirten de que no caso da varíola do mono, “as repercusións sobre a saúde mental aínda non foron ben comprendidas”.

GRUPOS VULNERABLES

Os científicos identifican oito grupos de persoas “especialmente vulnerables” desde o punto de vista da saúde mental e as consecuencias psicosociais desta epidemia: aqueles que estiveron expostos ao virus, directa ou indirectamente; aqueles que xa son vulnerables ás tensións psicolóxicas ou biolóxicas; traballadores da saúde; aqueles que estiveron seguindo a epidemia a través de múltiples medios de comunicación; nais embarazadas e lactantes; persoas inmunocomprometidas; familiares de persoas infectadas, e a comunidade de lesbianas, gais, bisexuais, transexuais, queer e intersexuais (LGBTQI), esta última, xa estigmatizada historicamente.

“Sábese que os trastornos psiquiátricos como a depresión e a esquizofrenia son exacerbados ou empeorados polo illamento e a falta de interacción social"

O impacto na saúde mental pode producirse non só polo propio contaxio, tamén polas medidas de contención, como poden ser as corentenas e o illamento social: “Sábese que os trastornos psiquiátricos como a depresión e a esquizofrenia son exacerbados ou empeorados polo illamento e a falta de interacción social. En ausencia de interacción humana, a depresión e a ansiedade teñen máis probabilidades de desenvolverse e empeorar”, argúen os expertos.

Pero os impactos negativos non só se producen nos infectados. A experiencia doutras epidemias, como a da covid-19, demostraron que, “especialmente despois da imposición da corentena, os profesionais da saúde autoillados corren un maior risco de desenvolver síntomas de trastornos por uso de substancias, trastorno de estrés postraumático e depresión”. Por iso, estes expertos piden que os sanitarios que tratan persoas infectadas “reciban formación regular para previr trastornos mentais”.

No caso das mulleres embarazadas, por exemplo, subliñan que existe un risco considerable de aborto espontáneo, infección grave e mortalidade materna e/ou fetal asociada á varíola do mono e a varíola común”. E engaden: “Debido á coñecida transmisión vertical, o estrés psicolóxico nas mulleres embarazadas ou en período de lactación pode aumentar o número de abortos”.

POUCOS RECURSOS E POUCO COÑECEMENTO

Estes expertos cren que para mitigar os impactos sobre a saúde mental da epidemia da varíola do mono “non hai suficientes especialistas en saúde mental, terapeutas e institucións de rehabilitación”. Por outra banda, apuntan, “hai pouco coñecemento sobre as intervencións da varíola do mono, especialmente entre os traballadores da saúde”, o cal, advirten, “indica que os sanitarios de primeira liña están postos en situacións potencialmente estresantes”.

Ante este panorama, piden que os efectos adversos sobre a saúde psicolóxica e o benestar da poboación en xeral, os sanitarios e as persoas que son especialmente vulnerables “deben ser estudados en profundidade e abordados adecuadamente”.

A isto, engaden, hai que sumar o rastrexo dos seus efectos na saúde mental dos distintos colectivos, xa que “tamén é moi importante ter datos actualizados sobre trastornos de saúde mental”, apuntan.

Os contaxiados deben evitar o contacto con mulleres embarazadas ou en período de lactación, e con nenos pequenos e persoas inmunocomprometidas

CONSELLOS

Por iso, e para contribuír a reducir o risco de transmisión da varíola do mono e trastornos de saúde mental, ofrecen na revista científica International Journal of Surgery varios consellos para os sanitarios e a poboación en xeral, como limitar as fontes de estrés, é dicir, utilizar só fontes de información autorizadas (fundamentalmente científicas e sanitarias) e ignorar as que veñen por canles non oficiais e fontes incontrolables; considerar as prácticas sexuais seguras e saudables e o coñecemento adecuado dos riscos como enfoques cruciais para axudar a previr a propagación; reforzar a inmunidade cunha dieta equilibrada e alimentos que reforcen o sistema inmunolóxico que inclúan suficientes froitas, vexetais, cereais integrais, líquidos e suplementos nutricionais ou, no caso de estar contaxiado, reducir o tempo que se pasa só, aumentando o tempo que se dedica a comunicarse con amigos, familiares e seres queridos, aínda que estean fisicamente separados, por exemplo, usando as tecnoloxías de comunicación, xa que “existen algunhas evidencias de que participar en actividades como chats de vídeo ou chamadas telefónicas en grupo con membros da familia pode axudar a aliviar os sentimentos de illamento e unha maior ansiedade”, comentan.

Entre os consellos aos infectados tamén destacan a importancia de facer exercicio e outras actividades físicas para reducir o estrés grazas ao efecto de liberar hormonas como as endorfinas, ou durmir en condicións óptimas e descansar durante cando menos oito horas diarias, ademais de evitar beber alcol, fumar e usar drogas ilegais, e evitar o contacto con mulleres embarazadas ou en período de lactación, e con nenos pequenos e persoas inmunocomprometidas.

PROBLEMA DE DESINFORMACIÓN E ESTIGMATIZACIÓN

Entre os problemas detectados por estes científicos está a comunicación pública que se fai da epidemia da varíola do mono, onde ademais interveñen para intoxicar a poboación grupos e persoas creadores e impulsores de desinformación e novas falsas.

Como lembra o Science Media Centre (SMC), “comunicar brotes de enfermidades infecciosas non é sinxelo, sobre todo cando afectan a grupos poboacionais que poden sufrir discriminación. Os casos de varíola do mono entre homes que teñen sexo con homes lémbrannos a importancia de informar sen estigmas”.

Porque aínda que esta epidemia está a afectar agora maioritariamente a homes homosexuais con prácticas sexuais de risco, “cabe a posibilidade de que co aumento da incidencia se produzan casos en pacientes ou grupos poboacionais dun perfil diferente”, explica a través do SMC Pablo Fernández, dermatólogo no Hospital Ramón y Cajal en Madrid, membro e portavoz da Academia Española de Dermatología y Venereología (AEDV) para a varíola símica.

“A estigmatización, discriminación e xenofobia son unha constante na historia das enfermidades infecciosas"

Hai que recordar, por exemplo, que no caso da sida, enfermidade que se identificou tradicionalmente cos homes homosexuais, hoxe un terzo dos contaxios prodúcense entre persoas heterosexuais.

“A estigmatización, discriminación e xenofobia son unha constante na historia das enfermidades infecciosas. Durante o inicio da epidemia de covid-19 os cidadáns chineses —e italianos— sufriron as consecuencias de pertencer aos países que se viron afectados en primeiro lugar, antes de que o coronavirus estendésese polo planeta. De forma similar, a inmensa maioría dos casos de varíola do mono foron detectados en homes gais, bisexuais ou que teñen sexo con homes. Isto provocou o temor a que se repetisen os erros cometidos durante a pandemia de VIH, mentres se lembraban as leccións aprendidas entón”, advirten os expertos do SMC.

Para evitar a estigmatización de colectivos, e “co debido coidado” que isto require, Fernández cre que “todos os esforzos de control (información, vacinación…) deben dirixirse principalmente a este grupo máis afectado [homosexual], coa axuda dos colectivos LGBTIQ+, para protexelos e ofrecer unha oportunidade óptima para controlar o gromo”, pero “sen deixar de lado a importancia de que todos os profesionais sanitarios, independentemente da especialización, coñezan esta enfermidade e as súas características clínicas, para poder diagnosticar a patoloxía en calquera persoa susceptible ao contaxio”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta