A Xunta anuncia novos protocolos contra o acoso, ciberacoso e convivencia escolar

Educación presenta a 'Estratexia de convivencia escolar 2025' como "folla de ruta" para "un bo clima nas aulas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2022 | Actualizada ás 14:03

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, presentou ante o Consello Galego de Convivencia a 'Estratexia galega de convivencia escolar 2025' que, destacou, marca a "folla de ruta" para garantir "un bo clima nas aulas".

En declaracións aos medios tras a presentación do documento, o conselleiro explicou que o plan, que estará dotado con 5,5 millóns de euros, "modernizará o protocolo de acoso introducindo o ciberacoso", creará comisións provinciais e porá en marcha "unha nova macroenquisa", entre outras accións.

Ademais, sinalou que un dos obxectivos é dotar a alumnado, profesorado e familias de "os mecanismos necesarios para atallar calquera cuestión que poida alterar a convivencia nos centros ou o benestar do alumnado". Así mesmo, insistiu en que esta estratexia é "unha prioridade" porque, "que exista un só caso", obriga á administración a "deseñar uns marcos de traballo" e a dar "formación e respostas áxiles e adecuadas".

Unha das novidades do documento é que presta especial atención á relación entre alumnado e novas tecnoloxías con novas guías e ferramentas para "unha correcta interacción e un uso responsable das redes". Segundo subliñou a Consellería, o documento final é o resultado dun proceso dialogado que se iniciou hai ano e medio cun grupo de traballo constituído por asesores docentes, directores de centros e inspectores. 

CONVIVENCIA POSITIVA

Ademais, o departamento que dirixe Román Rodríguez destacou que no ámbito da convivencia positiva avanzarase na mellora da convivencia e do clima social da comunidade educativa, con ferramentas como un protocolo de apoio conductual positivo, unha guía de prácticas restaurativas e o premio de boas prácticas en covivencia 'Convivimos'.

En canto á formación docente, Educación indicou que se impulsará unha formación especializada en materia de convivencia, inclusión e igualdade, con especial atención ao profesorado de novo ingreso, así como liñas formativas específicas para a elaboración de materiais e recursos para o traballo coeducativo.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, preside o Consello Galego de Convivencia
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, preside o Consello Galego de Convivencia | Fonte: Xunta - Xoán Crespo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta