Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/10/2022 | Actualizada ás 18:31
Antón Fontao e Jorge Osa Fernández son dous estudantes de secundaria que comparten unha traxectoria académica chea de barreiras impostas polo sistema educativo as persoas nomeadas pola discapacidade. E tamén comparten o inconformismo ante unha situación que saben inxusta e que afecta non só ás persoas na súa situación senón a toda a sociedade.
En 2020 comezaron a participar nuns encontros virtuais arredor da inclusión educativa promovidos por Ignacio Calderón, profesor da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Málaga. Froito de eses encontros formouse un grupo de estudantes de toda España, Estudiantes por la Inclusión, que foi recibido o pasado outono pola Ministra de Educación, Pilar Alegría e por Alejandro Tiana, secretario de Estado de Educación naquel momento.
Ese encontro é unha das escenas principais do documental Quererla es crearla, dirixido pola chilena Cecilia Barriga, que se proxectará por primeira vez ao público este venres 21 de outubro no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía nun acto ao que acudirá a propia Pilar Alegría e no que o público poderá ter un coloquio cos estudantes.
A película está impulsada polo colectivo do mesmo nome, unha agrupación de investigadores, docentes, estudantes e familias que defenden un sistema educativo que contribúa a construír unha sociedade que non segregue a ningunha persoa. Por iso, tanto Antón como Jorge se desprazarán a Madrid esta fin de semana, xunto con outras familias galegas que tamén participan no movemento e aparecen noutros momentos do documental, como un encontro en Mariz coa familia Calleja, familia leonesa pioneira na loita xudicial polos dereitos educativos.
A proxección será o primeiro dos eventos dunha fin de semana que procura a transformación dun sistema educativo que na actualidade "non garante os dereitos de toda a poboación escolar e que contribúe a unha sociedade segregadora e deshumanizada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.