Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 21/10/2022 | Actualizada ás 18:21
O alcalde da localidade pontevedresa de Portas, Ricardo Martínez, denunciou ante a Garda Civil o roubo dunha electrobomba, cables eléctricos e graves desfeitas na Estación de Tratamento de Agua Potable (ETAP) que obrigaron a cortar a subministración municipal de auga potable aos veciños do concello e das parroquias de Lantaño e Romai.
Un operario do Concello, que acudiu á ETAP a realizar a visita correspondente para comprobar os niveis de cloro e ph, atopouse a porta rebentada, o material polo chan e os computadores danados. O operario deu parte ao alcalde, que foi o encargado de avisar aos axentes da Garda Civil.
Así, os axentes acudiron ás instalacións, situadas na parroquia de Romai, para realizar as investigacións necesarias para tratar de identificar, localizar e deter os autores. O alcalde explicou que están a colaborar "ao máximo" cos corpos de seguridade para atopalos e "que caia sobre eles todo o peso da lei".
Ademais, Martínez sinalou que "tentarán fornecer auga, de novo e canto antes, aínda que non teñan garantías plenas de salubridade", co obxectivo de que "polo menos a xente teña algo con que lavarse ou ducharse".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.