A Alta Velocidade pon aos madrileños a pouco máis de dúas horas de 'Xantar'

A coñecida feira internacional de turismo gastronómico que se organiza en Expourense presentou a súa 23ª edición na Casa de Galicia de Madrid. A organización busca captar público da capital seducido pola experiencia gastronómica e a proximidade con Ourense grazas ao AVE.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 25/10/2022 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Xantar, a única feira internacional de turismo gastronómico de España, presentou este luns 24 de outubro a súa 23ª edición. Fíxoo na Casa de Galicia de Madrid lembrando que será a primeira edición desta cita que conte cun tren de Alta Velocidade que conecta a Ourense con Madrid en 2 horas e 15 minutos.

Presentación de 'Xantar' na Casa de Galicia de Madrid. Foto: Prensa Expourense.
Presentación de 'Xantar' na Casa de Galicia de Madrid. Foto: Prensa Expourense.

O encontro turístico-gastronómico, que terá como escenario Expourense entre o 9 e o 13 de novembro, convértese agora nunha motivación turística en si mesma e a presentación na capital madrileña tivo o obxectivo de convidar aos madrileños e ás madrileñas a vivir unha experiencia gastronómica dentro do recinto pero tamén na cidade galega, coincidindo ademais en datas nas que son protagonistas as celebracións do San Martiño e os tradicionais Magostos.

Nesta liña, a organización do evento puxo en marcha un paquete turístico en colaboración coa maiorista “Sente Galicia” que inclúe a visita ao salón, a comida ou cea nun dos seus 7 restaurantes, a participación nalgunha das máis de 100 actividades previstas e a pernocta con almorzo nun hotel do centro da cidade. Todo iso a partir de 65 euros.

Outro dos atractivos para visitar Ourense, e Galicia coincidindo con Xantar, son as últimas semanas que quedan para o remate do Dobre Ano Santo Xacobeo 21-22.  Pode ser unha boa ocasión tamén para gañar este Xubileu para aqueles que non o fixeron aínda. Tendo en conta esta celebración xacobea, Xantar volverá estar centrada na promoción da gastronomía dos distintos camiños a Compostela, tanto os que atravesan España como Portugal.

Xantar 2022 poñerá en marcha o programa de accións de sempre --restaurantes, talleres de cociña con prestixiosos chefs, catas comentadas, presentacións, conferencias, encontros de colectivos relacionados co mundo da gastronomía, degustacións, etc--  e este ano xa sen as restricións nin medidas sanitarias que tiveron que adoptarse na edición de 2021.

EXPOSITORES

Polo que respecta aos expositores, Xantar ten agora mesma a súa superficie expositiva cuberta ao 100% coa presenza de destinos e empresas procedentes de toda Galicia e de distintas partes de España e onde volve destacar a masiva presenza de cámaras municipais do Norte de Portugal, ademais da participación directa da Entidade de Turismo Porto e Norte de Portugal, socio estratéxico de Xantar no país veciño. Tamén participarán profesionais e representantes institucionais de países como Perú ou Costa Rica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta