Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 26/10/2022 | Actualizada ás 14:51
O conselleiro delegado de Grupo Calvo, Manei Calvo, subliñou que a compañía afronta a recta final do ano con "incerteza" e "moita cautela" nun escenario marcado polo encarecemento das materias primas pola guerra de Ucraína, á vez que sinalou que, para a compañía, 2022 "non será un ano especialmente diferente ao pasado".
"Non vai ser un ano especialmente diferente ao pasado, aínda que en facturación é evidente que imos crecer debido ao aumento de custos e ao consecuente aumento dos prezos que trasladamos á distribución", sinalou Calvo en rolda de prensa no 37 Congreso de Aecoc.
No entanto, segundo explicou, ese incremento da facturación non se traducirá "desgraciadamente" nuns resultados mellores. "Probablemente, mesmo no noso caso sexan parecidos", destacou o CEO de Calvo, quen resaltou, doutra banda, as diferenzas entre mercado español e o brasileiro respecto da inflación.
"En España non estabamos afeitos a unha inflación como a que estamos a sufrir nestes momentos e en Brasil é endémica. Brasil sempre funciona con inflación, polo que a propia dinámica da compañía está máis adaptada a un mercado que é inflacionario, mentres que en España temos que reaccionar a unha situación que non tiñamos", sinalou.
Outra das diferenzas, á marxe da inflación, é que o mercado español está "moi baseado" no atún, con practicamente o 85%, mentres que en Brasil o seu mercado de sardiña é o 70%.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.