Rueda desminte a pais e di que non había "ningunha queixa" sobre o muro que matou a un estudante en Ourense

Di que a dirección do centro non tiña constancia de irregularidades.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2022 | Actualizada ás 20:04

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou, polo que transmite "neste momento" a dirección do IES Xullo Prieto Nespereira de Ourense, que non tiñan constancia de "ningunha queixa" polo estado da parede dos vestiarios que este mércores se caeu e matou a un estudante de 3º de ESO.

En declaracións aos medios en Santiago antes de entrar ao Comité de Dirección do PPdeG, Rueda asegurou que por agora se descoñecen "as causas" do derrube da parede. Iso si, lembrou que hai "unha investigación xudicial en curso" e "por suposto" ofreceu "toda a colaboración" do Goberno galego neste proceso.

Preguntado sobre se había constancia dalgunha queixa polo estado do muro, tal e como aseguraron algúns pais ás portas do instituto, o presidente da Xunta insistiu en que "todo" sairá desa investigación, aínda que a continuación contestou: "O que nos transmite neste momento a dirección do centro é que non había constancia de ningunha queixa".

"Insisto en que hai unha investigación xudicial e, por suposto, a Xunta colaborará en todo o que se lle solicite, en particular porque o que interesa é saber o que pasou", recalcou.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en rolda de prensa
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, en rolda de prensa | Fonte: David Cabezón - Xunta

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta