Este festival busca impulsar as pezas artísticas que se están creando en Galicia e Portugal

Esta quinta edición do festival acolle 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que serán amosados e compartidos en público.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2022 | Actualizada ás 16:19

Comparte esta noticia

As Xornadas da Sección de Literatura Dramática da AELG naceron con vocación de poñer en foco unha das manifestacións artísticas máis senlleiras e estratéxicas dun sistema literario e dunha cultura de seu.

Butacas do Novo Teatro Alcalá de Madrid no musical Grease, a 19 de marzo de 2022, en Madrid (España) - Europa Press - Arquivo
Butacas do Novo Teatro Alcalá de Madrid no musical Grease, a 19 de marzo de 2022, en Madrid (España) - Europa Press - Arquivo

Para a VII Xornada da Sección de Literatura Dramática da AELG “queremos tomarlle o pulso á creación escénica contemporánea e aos retos fronte a esta época, marcada pola pos-pandemia e a crise derivada, á que se suma a guerra en Ucraína”.

A maneira de abordar isto vai ser a través do ‘V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal 2022’, que procura presentar, analizar e debater propostas escénicas que se están a ensaiar e a crear neste momento. Trátase, por tanto, dun festival único en Galicia para impulsar e analizar pezas que están en proceso de creación e que buscan abrir e compartir ese proceso con outras persoas, cun público, e con especialistas en artes escénicas. Ademais, desde a AELG van ofrecer unha masterclass sobre os retos das artes escénicas nestes tempos tan complexos e difíciles.

SETE PROXECTOS QUE EMPREGUEN TEXTOS EN GALEGO/PORTUGUÉS

Este é o centro da VII Xornada, que “intenta  servir como viveiro e estímulo para as creadoras e creadores que, nestes momentos, están a escribir ou a bosquexar algún tipo de peza para os palcos”. Ademais, dende a asociación queren procurar un diálogo para compatir as inquedanzas cos dramaturgos de Portugal, “reforzando os lazos de irmandade que se remontan á orixe común da nosa lingua”.

Esta quinta edición do festival acolle 7 proxectos (4 galegos e 3 portugueses), que serán amosados e compartidos en público. Desa selección, logo das presentacións no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal, a comisión organizadora da AELG, xunto a Xosé Paulo Rodríguez, director do Teatro Rosalía de Castro da Coruña, e Célia Guido Mendes, directora do Centro Cultural Português Camões de Vigo, premiarán un proxecto coa posibilidade da súa estrea nalgún dos espazos teatrais da Coruña. Non obstante, este premio podería quedar deserto, se o xurado así o considera.

Asígnase un orzamento total de 350 euros para cada proxecto seleccionado desde Galicia e 450 euros para cada proxecto seleccionado desde Portugal e o prazo para a presentación de propostas remata o 28 de outubro de 2022.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta