Ponte…nas Ondas! está un paso máis cerca de inscribirse no Rexistro das boas prácticas da UNESCO

Consegue o informe de inscrición favorable, paso anterior á decisión final do 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2022 | Actualizada ás 16:23

Comparte esta noticia

O programa Ponte…nas Ondas!,  candidatura de Galicia e Portugal, consegue o informe de inscrición favorable, paso anterior á decisión final do 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial que se celebrará en Rabat a finais de novembro. “O enfoque do proxecto fomenta o diálogo e o intercambio entre as comunidades e favorece a paz e a cooperación entre sociedades de diferentes países”, mencionan os examinadores da UNESCO que avaliaron a candidatura de Ponte...nas Ondas! ao Rexistro de boas prácticas da institución.

Alumnado participante no Ponte... Nas Ondas!
Alumnado participante no Ponte... Nas Ondas! | Fonte: Ponte nas ondas

Poñen de manifesto ademais o éxito de PNO! á hora de implicar a mocidade na práctica e transmisión das súas propias tradicións grazas á difusión do patrimonio cultural nas escolas, na formación do profesorado e na vontade de conseguir a presenza dos portadores e practicantes nas aulas “para compartiren os seus coñecementos e experiencias”.

No documento publicado esta semana e que supón o último trámite previo para poder entrar no Rexistro, os expertos destacan a metodoloxía participativa da iniciativa e subliñan que “como experiencia transfronteiriza, o modelo PNO! pode reproducirse para reforzar o diálogo entre xeracións e a transmisión do patrimonio cultural inmaterial a través das fronteiras”.

Este informe favorable era un chanzo imprescindible para que na xuntanza do 17 Comité Intergubernamental para a Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial, que se celebrará en Rabat a finais de novembro de 2022, poida confirmarse que o modelo PNO! sexa inscrito no Rexistro das boas prácticas da UNESCO. No documento sublíñase a capacidade do proxecto para sensibilizar sobre a importancia do patrimonio cultural inmaterial e apúntase que “implica esforzos educativos que promoven o desenvolvemento social inclusivo, o entendemento intercultural e a igualdade de xénero”, reflectindo os principios e obxectivos establecidos ao respecto pola propia UNESCO.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta