Os atrasos dos axentes: "antes tardabamos en chegar 10 minutos e agora hora e media", din garda civís

Aseguran que os medios insuficientes, xunto á falta de persoal, repercute no tempo de resposta, que supera a hora nalgúns casos.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 03/11/2022 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

A Asociación Profesional Xustiza para a Garda Civil (Jucil) estima que farían falta 1.200 axentes máis para cubrir as necesidades de seguridade da poboación galega e reducir así os tempos de resposta, agora en máis dunha hora nalgúns casos.

Estes foron algúns dos datos que Jucil ofreceu este xoves en rolda de prensa con motivo da presentación do acordo coa Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF); pacto co que esperan que a problemática da Garda Civil "gañe visibilidade" entre a sociedade.

Ademais da diminución de poder adquisitivo que experimentan, "do mesmo xeito que outros corpos funcionariais", a asociación puxo o foco na falta de medios e de persoal. Sobre este último punto, o secretario xeral da asociación, Ernesto Vilariño, explicou que os 5.000 axentes destinados non son suficientes. Hai ademais unhas 400 vacantes "que non se cubriron, que non se chegan a cubrir nunca".

A cobertura deses catro centenares, con todo, tampouco alcanzaría e, segundo cálculos estimatorios da propia asociación, farían falta outros 800 axentes "para cubrir todas as necesidades do territorio, tamén os centos de quilómetros de costa dos que se encarga a Garda Civil".

O secretario de comunicación, Agustín Leal, incidiu en que "non se chega á taxa de reposición idónea", sobre todo tendo en conta "os núcleos poboacións pequenos e diseminados" que abundan en Galicia e nos que, en moitos casos, "só está presente a Garda Civil".

TEMPOS DE RESPOSTA DUNHA HORA

"Hai noites que só hai unha patrulla para a Costa da Morte, tanto para os servizos de costa como terrestres", puxo como exemplo Leal, que incidiu ademais en que "moitas patrulleiras marítimas non poden saír porque non hai persoal e o que hai, fai xornadas maratonianas precisamente por iso".

Vilariño recoñeceu a creación de novas unidades como a 'arroba' para ciberdelincuencia ou 'viogen' para a loita contra a violencia de xénero, pero criticou que os seus efectivos saian da seguridade cidadá, co que se acrecenta o problema. Tamén que se reforcen as policías autonómicas, e non así Garda Civil ou Policía Nacional.

Esta situación, apuntan, repercute no tempo de resposta das patrullas a un aviso, que hai anos podía ser de "oito ou 10 minutos e agora pode chegar a unha hora ou hora e media, nalgúns casos ata dúas horas", segundo lembrou o presidente de CSIF Galicia, Francisco Méndez.

"Os compañeiros de Carballo, se teñen unha incidencia e necesitan apoio, a patrulla máis próxima igual é a de Negreira ou Santiago, co que o tempo de reacción vaise a unha hora ou hora e media. Non é viable nun Estado europeo no S.XXI", apuntou Leal.

Un axente da Garda Civil
Un axente da Garda Civil | Fonte: Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta