Premio Ourensanía 2022 a Manuel Outumuro: "Crecín con ese retrato da ausencia motivada pola emigración"

O fotógrafo ourensán Manuel Outumuro especializouse na fotografía de moda publicando en revistas internacionais ao redor de todo o mundo, motivo polo que no pasado mes de outubro era homenaxeado en pleno Manhattan, recollendo o Lucie Award no Carnegie Hall.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2022 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O fotógrafo ourensán Manuel Outumuro recolleu o premio Ourensanía 2022 nun acto celebrado no Teatro Principal de Ourense, coincidindo co festivo de San Martiño, que contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, así como a do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices.

Outumuro naceu no concello ourensán da Merca en 1949 e ás súas orixes dedicoulle o premio entregado pola Deputación Provincial, "aos meus pais e aos meus avós que me ensinaron o significado da palabra respecto", enxalzou o fotógrafo lembrando a súa infancia no concello ourensán como "a época máis feliz" da súa vida, onde descubriu a capacidade de creación "co barro e os reflexos de diamante nas charcas onde as vacas se achegaban a beber".

"Os fotógrafos infundimos luz, pero a mellor calidade dun fotógrafo é que esa luz non tape a propia do fotografado, é unha cuestión de respecto", proclamou Outumuro nun discurso cheo de sentimento, a pesar de que comezou aclarando que é "un home máis de imaxe que de palabra", para despois falar dos seus pais, "unha fotografía colgada na parede aos pés da cama, crecín con ese retrato que representaba unha ausencia motivada pola emigración, pero a cambio tiña o afecto incondicional dos meus avós".

O seu discurso estivo salpicado por proxeccións dalgunhas das súas fotografías, unha selección dun arquivo persoal con miles de escenas capturadas ao longo dos anos, retratando a actores, actrices, directores de cinema ou supermodelos, porque a pesar de ser criado no rural ourensán a súa familia mudouse a Barcelona onde el entrou na Escola Massana para estudar deseño gráfico e ilustración.

E tras traballar como ilustrador en varias revistas chegou a Nova York onde abriu un estudo co que comezou a facer ilustracións para firmas de moda, como Óscar de la Renta, e empezou a achegarse aos personaxes que retrataría.

FOTOGRAFÍA DE MODA

Así, Outumuro especializouse na fotografía de moda publicando en revistas internacionais ao redor de todo o mundo, motivo polo que no pasado mes de outubro era homenaxeado en pleno Manhattan, recollendo o Lucie Award no Carnegie Hall. No seu haber, conta con numerosos libros e exposicións retrospectivas da súa obra, con algunha mostra tan emblemática como "Outumuro looks", que chegou a ser exposta en cidades como Moscova "para entender a súa pegada no deseño estético e no retrato da España contemporánea".

O homenaxeado finalizou a súa intervención dando paso a unha proxección de tres vídeos ao redor dos conceptos de nostalxia, ausencia, emigración e traballo diario "porque isto segue e seguirá", prometeu o fotógrafo garantindo que as súas fotografías "dialogan con imaxes que falan do neno que segue pisando terra e fascinado pola luz que a envolve".

"UN NENO CREATIVO E SOÑADOR"

O presidente provincial, Manuel Baltar, foi o encargado de entregarlle o galardón tras un repaso pola súa traxectoria "na que levou o nome de Ourense a latitudes de toda Europa e de todo o planeta, sen esquecer as súas orixes". "Este é un merecido premio a un neno dunha aldea ourensá sufrido e soñador, sempre discreto, humilde e creativo", eloxiou Baltar.

Ademais, Baltar reservou uns minutos para enxalzar tamén a figura de Ildefonso Graña, na reunión do xurado no Mosteiro de Oseira para decidir o premio deste ano, decidiuse saír ao rescate dalgunhas figuras importantes para a Ourensanía que xa non están connosco, o premio Ourensanía de Honra, que outorgou á memoria de Graña.

"A GALICIA ORGULLOSA"

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, tamén tivo unhas palabras para o fotógrafo a quen describiu como "un expoñente do equilibrio máxico que os galegos conseguen entre o global e local", e tamén para describir o premio Ourensanía como !unha mostra da Galicia orgullosa que combina arraigamento coa apertura ao mundo global".

"É un modo propio de ser galego, porque non implica illamento, senón integración na realidade galega dun modo particular", dixo Roda manifestando que se é así a 'ourensanía', a "galeguidade é un modo propio de ser español e europeo" "o Xacobeo, por exemplo, traduce ese orgullo galego, unha efeméride compartida con peregrinos de todo o mundo", explicou.

O acto comezou coa recepción oficial co tradicional percorrido dos representantes institucionais e o homenaxeado ata o Teatro Principal, acompañados pola Real Banda de Gaitas. Xa no teatro, Carlos Núñez realizou varias pezas baseadas nas Cantigas de Alfonso X o Sabio xunto con temas propios como "Muiñeira de Chantada" ou "Alborada da Veiga", para terminar a gala a Coral de Ruada representou "Ourense no Solpor", o himno oficial da provincia.

O fotógrafo Manuel Outumuro recibe o premio Ourensanía 2022
O fotógrafo Manuel Outumuro recibe o premio Ourensanía 2022 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta