Quince casos de acoso dende 2017 na comunidade universitaria da USC

Sete deles foron admitidos e finalizaron con expediente disciplinario, e outros dous foron postos en mans da xustiza

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2022 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) rexistrou 15 casos de acoso desde o ano 2017, cando entrou en vigor o 'Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual e acoso', en toda a comunidade universitaria.

Así o explicou a Europa Press a delegada do reitor para a Igualdade da USC, Marta Pérez Pereiro, tras participar este luns no 'IV Xornada de sensibilización e prevención da violencia sexual na mocidade' que leva a cabo a institución educativa en colaboración coa Xunta.

Desta forma, detallou que, desa quincena, 12 casos foron denunciados pola propia vítima e tres deles por unha terceira persoa. Ante isto, Pérez remarcou que aínda que sexan denunciados por unha terceira persoa, a vítima ten que ratificar os feitos.

Así mesmo, remarcou que, deses 15 casos totais, 11 correspóndense con acoso sexual e catro con acoso por razón de sexo, mentres que "non houbo, ata o momento, ningún caso de acoso por orientación de xénero". Estes son o tres supostos que se enmarcan no protocolo.

En máis detalle, a delegada do reitor para a Igualdade puntualizou que 13 persoas afectadas foron estudantes e dous persoal contratado en empresas que dan servizo á universidade.

Polo que respecta ás persoas denunciadas, sete deles eran estudantes, cinco profesorado, unha era investigador en formación, outra correspondente a empresa externa e unha de persoal de administración e servizos.

No que respecta a todos os casos, indicou que seis deles non foron admitidos a trámite, "ben porque non se entendeu desde a comisión que fosen casos de acoso ou porque se produciron fóra do ámbito da universidade".

Con todo, sete si que foron admitidos e tiveron como resultado aperturas de expediente disciplinario. Ademais, os outros dous casos restantes foron arquivados porque "había un proceso xudicial en curso".

DESCOÑECEMENTO DO PROTOCOLO

Así, Pérez destacou que "son bastantes denuncias", o que significa que "se empeza a coñecer o protocolo", aínda que "hai moito descoñecemento".

Ante ese descoñecemento sinalou que na oficina de Igualdade realizan un plan de comunicación e outro de formación con cursos específicos destinados a toda a comunidade universitaria.

Así, remarcou que "é moi importante que se coñeza este mecanismo", xa que o que queren é que calquera persoa que se atope nunha situación así denuncie. "A idea é que se cree un clima de confianza suficiente para que a xente poida denunciar con garantías", incidiu.

Nesta liña, a outra lectura que se pode facer destes datos é que, aínda que o 90 % das vítimas son estudantes, "hai casos de acoso por parte de profesorado ou de compañeiros" e "non significa que non haxa acoso noutros membros da comunidade universitaria".

Xornada de sensibilización e prevención da violencia sexual na mocidade organizada pola USC co reitor, Antonio López, a delegada do reitor para Igualdade, Marta Pérez, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana.
Xornada de sensibilización e prevención da violencia sexual na mocidade organizada pola USC co reitor, Antonio López, a delegada do reitor para Igualdade, Marta Pérez, e a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana. | Fonte: USC

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta