Máis de 5.000 firmas piden o indulto para o exsecretario comarcal da CIG en Ferrol

Xesús Anxo López Pintos, que xa está retirado do ámbito sindical, foi xulgado e condenado por un incidente en 2012

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/11/2022 | Actualizada ás 17:08

Comparte esta noticia

Representantes dos sindicatos CIG, CC.OO., UXT e CXT rexistraron na mañá deste luns na sede da Delegación do Goberno en Galicia a solicitude de indulto, avalada por 5.500 firmas, para o que foi secretario comarcal da CIG en Ferrol, Xesús Anxo López Pintos, condenado pola Audiencia Provincial da Coruña por uns feitos ocorridos durante unha mobilización no ano 2012.

Ademais da solicitude e das firmas, tamén se entregaron algunhas adhesións aprobadas polos plenos de varios municipios de Ferrolterra, como Ferrol, Narón, Ares, Neda ou Cabanas, e por comités de empresa da comarca.

No acto do rexistro estiveron presentes os secretarios xerales de CIG, Paulo Carril e de CC.OO. Galicia, Amelia Pérez, ademais de Jorge Ulla, en representación de UXT, e Xabier Losada, en representación da CXT.

As organizacións sindicais motivaron esta petición de indulto alegando que, na súa opinión, a condena pretende ser un escarmento á loita sindical e á mobilización social.

Así, Carril detallou que, aínda que a Audiencia Provincial acordou no seu momento a suspensión da pena, "fai falla" este paso adicional e que "verdadeiramente se faga xustiza co compañeiro Pintos", algo que "pasa porque o Goberno español, que ten esta potestade política, lle conceda o indulto".

CRIMINALIZAR

Segundo o secretario xeral da CIG, coa detención e o posterior procedemento xudicial "non se pretendía unha condena a Pintos como persoa individual, senón perseguir e criminalizar a mobilización como ferramenta para mellorar as condicións laborais e de vida".

Neste sentido, esixiu que o indulto ao exsecretario da CIG de Ferrol sexa "como un símbolo de auténtica xustiza social ante as decisións inxustas dos tribunais, a defensa das liberdades e a posta en valor dunha vida de entrega na loita polos dereitos da clase obreira por parte de Pintos".

Por último, Carril criticou que "a pesar dos compromisos programáticos e de contar coa maioría parlamentaria suficiente para facelo, o Goberno de PSOE e Unidas Podemos mantén plenamente vixente a Lei de Seguridade Cidadá e mesmo a reforma do texto que se está negociando", o que lle levou a trasladar que "nin sequera elimina os aspectos máis lesivos da mesma".

Representantes de CIG, UXT e CC.OO., entre eles os secretarios xerais Paulo Carril (CIG) e Amelia Pérez (CC.OO. Galicia) nunha concentración para pedir o indulto para o sindicalista Xesús Anxo López Pintos.
Representantes de CIG, UXT e CC.OO., entre eles os secretarios xerais Paulo Carril (CIG) e Amelia Pérez (CC.OO. Galicia) nunha concentración para pedir o indulto para o sindicalista Xesús Anxo López Pintos. | Fonte: CIG

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta