O 63 % dos casos de acoso na rede proceden de homes que a vítima coñece

Así se conclúe nun informe publicado pola Universidade de Vigo

Por E.P. | VIGO | 14/11/2022 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

O 63% das situacións de acoso dixital son cometidas por homes coñecidos pola vítima, segundo o informe que presentou este luns a Cátedra de Feminismos 4.0, impulsada pola Universidade de Vigo (UVigo) e a Deputación de Pontevedra.

Este estudo, que analiza a violencia machista dixital a través da prensa galega, sinala que os acosadores forman parte tanto do ámbito afectivo, como do educativo, deportivo, veciñal ou laboral da vítima. Así, explica que nestes casos, o acosador dirixe a súa violencia, vixilancia e fustrigación dixital a unha muller concreta.

A Deputación de Pontevedra explicou nun comunicado que esta investigación exploratoria analizou, entre xaneiro e setembro de 2022, un total de 245 noticias de gran parte do ecosistema mediático galego. Deste xeito, o informe indica que dos casos que aparecen na prensa, "só un 10,3% son acosadores descoñecidos para as vítimas".

Así mesmo, a análise sinala que "resulta alarmante o número de nenas e de adolescentes que sofren este tipo de violencias" e que entre as técnicas máis utilizadas están a sextorsión, os espidos non solicitados ou a chamada pornovenganza.

Ademais, a directora da Unidade de Igualdade da UVigo e a Cátedra de Feminismos 4.0, Águeda Gómez, subliñou que esta violencia se utiliza coa intención "crear un clima de terror sexual que serve para controlar e condicionar a vida das mulleres no espazo dixital e que afecta o resto de esferas da vida".

Participantes no estudo da UVigo e directora da cátedra Feminismos 4.0.
Participantes no estudo da UVigo e directora da cátedra Feminismos 4.0. | Fonte: Deputación de Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta