'Faino por ti', lema das xornadas do 25N en Allariz

Co gallo do 25 de novembro, do Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, o concello organiza unha programación chea de actividades na semana do 21 ao 27 de novembro.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 22/11/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O lema das xornadas que organiza este ano o Concello de Allariz arredor do 25N será “Faino por ti”. Segundo explicaban días atrás na presentación Maribel Poisa Rey, concelleira de Benestar Social, e Cristina Outeiriño, técnica de igualdade do Concello de Allariz, este lema busca representar "un berro de esperanza para seguir loitando por un mundo sen violencia e para que as mulleres poidan saír da invisibilidade e dar un paso adiante cara unha nova vida lonxe de calquera tipo de maltrato". Cristina resaltaba tamén "a importancia de sumar forzas para acabar con calquera tipo de discriminación cara as mulleres e a prol dun traballo que abarque todos os ámbitos da sociedade, a través da coeducación, igualdade e convivencia".

Cristina Outeiriño e Maribel Poisa Rey. Foto: Prensa Concello de Allariz.
Cristina Outeiriño e Maribel Poisa Rey. Foto: Prensa Concello de Allariz.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

As actividades comezaron este luns 21 cunha charla obradoiro de empoderamento e sororidade entre mulleres ás 17:00 h. no Fogar dos Maiores. A charla-obradoiro, a cargo de Dora Cabaleiro, levou por titulo “Sacala voz” e centrouse nas mulleres. Traballáronse aspectos como a sororidade, a autoestima, o empoderamento e o liderado femenino.

O martes 22 as actividades trasladaranse ao IES de Allariz coa obra de teatro Golpes. A esta obra asistirá o alumnado de 3º da ESO do centro e será ás 10:30 h.

O mércores 23 será aterá lugar unha charla sobre relacións sas e o bo uso das redes sociais, con Lucía Fernández Coutado ás 19:00 h. no Fogar dos Maiores. Durante esta actividade abarcaranse aspectos tan importantes como unha contextualización sobre os diferentes tipos de violencias, así como estereotipos de xénero, igualdade e sororidade. A actividade está aberta a toda a poboación pero con especial incidencia na adolescencia (dende os 12 anos) e pais e nais.

O venres 25 ás 12:00 h. será a lectura do manifesto contra a violencia de xénero na Praza Maior.

E xa como remate ao programa do 25N, o domingo 27 ás 17:00 h. haberá teatro de rúa contra a violencia de xénero. “Non cantes para min cancións tristes” será a proposta do grupo de Teatro Silvaldeiras que contará coa colaboración das Doulas. A saída farase á hora devandita dende o Campo da Barreira.

ALLARIZ REIVINDICA 'OS BOS TRATOS'

O obxectivo das actividades no seu conxunto é fomentar os bos tratos practicando ás relacións sen violencia, a eliminación de prexuízos, mitos e estereotipos de xénero; e tamén promovendo cambios de patróns sociais e culturais, as novas masculinidades e a implicación de toda a sociedade na construción dunha igualdade real e efectiva que sirva para rematar coa violencia machista. "So tomando os bos tratos como modelo a seguir poderá construírse unha sociedade xusta e libre de violencia", afirman dende o equipo de goberno local.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta