"Á hora de loitar contra a violencia de xénero non se escatiman recursos nin esforzos", afirma a conselleira de Igualdade

Lorenzana explica que en 2023, dentro de prazo, crearanse os centros de crises para atender ás vítimas de violencia sexual e que ao longo do ano invertiranse 20,5 millóns de euros en medidas destinadas á igualdade, un 14,7 % máis que no 2022

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/11/2022 | Actualizada ás 16:17

Comparte esta noticia

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, compareceu este martes para dar conta no Parlamento das medidas coas que Galicia está a loitar contra a violencia de xénero e a favor da igualdade, un obxectivo para o que, dixo, "non se escatiman recursos nin esforzos".

Lorenzana debullou na Cámara os orzamentos que o seu departamento mobilizará en 2023 para combater esta secuela, que ascenderán a 20,5 millóns de euros, un 14,7 % máis que no ano anterior, coa idea, precisou, de "manter, reforzar e ampliar os recursos, servizos e prestacións que xa están a disposición das vítimas".

A loita da Xunta contra a violencia de xénero, explicou Lorenzana, "responde a unha estratexia transversal, conta cuns orzamentos específicos e se sustancia en actuacións concretas, todo co obxectivo de repercutir directamente na garantía da recuperación e benestar das vítimas, así como na prevención das condutas violentas contra as mulleres en calquera escenario posible".

Case seis millóns deste montante destinaranse a sufragar as diferentes prestacións económicas para que as vítimas poidan gañar independencia dos seus agresores. Manteranse, así, as axudas periódicas mensuais de ata 800 euros durante 12 meses, ás que se destinarán 4,2 millóns e os apoios de pago único para mulleres con poucos recursos e difícil acceso ao mercado laboral (1,67 millóns de orzamento).

Do mesmo xeito, a comunidade seguirá garantindo a percepción de indemnizacións por parte das vítimas, a axuda económica aos orfos e ás mulleres gravemente feridas, e cubrirá parte dos gastos nos que incorran as vítimas que cambien de residencia habitual pola súa contratación ou inicio de actividade laboral noutro lugar.

Todas estas actuacións compleméntanse cun "amplo abano de medidas en materia de atención, acompañamento, formación e integración das vítimas" de violencia de xénero. Como exemplo, subliñou que, grazas aos incentivos do Goberno galego, 400 mulleres vítimas foron contratadas por entidades locais e sen ánimo de lucro desde 2019. Tamén se garante atención psicolóxica gratuíta tanto ás mulleres como á contorna (máis de 1.100 persoas beneficiarias en 2021).

Lorenzana sinalou o impulso que a Xunta dará á Rede galega de acollemento (integrada por sete centros), que en 2023 verán incrementada a súa dotación nos orzamentos nun 24 %, atendendo no primeiro semestre deste ano a 139 persoas, 59 delas menores.

CENTROS DE CRISES

A conselleira garantiu a creación en 2023, dentro do prazo establecido polo Goberno central, de centros de crises para atender ás vítimas de violencia sexual.

Tal e como anunciou, en base a unha colaboración co Sergas, emprazaranse nas diferentes áreas sanitarias, seguindo un criterio de eficiencia e eficacia, e estarán próximos ás urxencias hospitalarias.

Na actualidade, dixo Lorenzana, están definidos os espazos onde se instalarán nas áreas sanitarias de Vigo, Santiago-Barbanza, Lugo-Mariña-Monforte e Ferrol. Nestes puntos prestarase atención integral ás vítimas as 24 horas, os 365 días do ano.

CONCILIACIÓN

Así mesmo, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade contará en 2023 de maneira específica con 14,6 millóns de euros para apoiar a conciliación e fomentar a corresponsabilidade. Na mesma liña, destacou Lorenzana, o seu departamento ten previstos outros 2,3 millóns de euros o próximo ano para fomentar o benestar laboral, con medidas dirixidas as empresas e organizacións e a mellorar a formación.

Lorenzana anunciou que a comunidade disporá, ademais, do II Plan galego de conciliación e corresponsabilidade para perfilar as medidas estratéxicas que a Xunta desenvolverá neste campo ata 2025.

A continuación, puxo en valor que o Goberno galego traballa para a inclusión das vítimas de explotación sexual como vítimas da violencia de xénero na Lei autonómica por medio do Proxecto de lei de medidas fiscais e administrativas.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presenta na Cámara galega as políticas de igualdade e contra a violencia de xénero do departamento autonómico para 2023
A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presenta na Cámara galega as políticas de igualdade e contra a violencia de xénero do departamento autonómico para 2023 | Fonte: Conchi Paz

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta