Os xulgados galegos incoan 18 procedementos por violencia de xénero ao día

En 2021 houbo 896 sentenzas ditadas, das que as tres cuartas partes foron condenatorias

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/11/2022 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

Segundo a estatística fiscal, foron incoados en 2021 un total de 6.777 procedementos penais por violencia de xénero, o que se traduce en novos casos, cun incremento interanual do 6,11 %. Esta cifra implica que cada día se incoan, de media, nos xulgados galegos, máis de 18 novos procedementos por violencia contra a muller.

Así o recollen os datos feitos públicos pola Fiscalía Superior de Galicia con motivo do 25N, Día Internacional de Eliminación da Violencia contra a Muller, que apuntan a que a cuarta parte da actividade acusatoria do Ministerio Público en Galicia está centrada en supostos desta violencia, principalmente de malos tratos ocasionais (40,76 %), quebrantamento de medida cautelar/condena (22,64 %), malos tratos habituais (14,91 %) ou ameazas (8,02 %).

Así mesmo, en 2021 houbo 896 sentenzas ditadas por violencia de xénero, das que máis de tres cuartas partes (o 77,42 %) foron condenatorias.

Tamén o pasado ano solicitáronse 1.784 ordes de protección e medidas cautelares, das que foron adoptadas o 65,92 %. Isto supón un descenso interanual dun 11,2 %. A maior parte, o 95 %, foron solicitadas pola propia vítima.

En canto á relación existente, no 39 % dos casos a orde pediuse contra a exparella de feito, no 31 % contra a parella de feito, no 19 % contra o cónxuxe e no 9 % contra o excónxuxe. A Fiscalía alerta de que o incumprimento de medidas é "relativamente alto" e que existe unha importante reincidencia.

VIOLENCIA ENTRE OS MÁIS NOVOS

Para este 2022, a Fiscalía Superior de Galicia quixo facer fincapé na violencia machista que se produce entre os mozos, dende a adolescencia, unha tendencia que "só se erradicará con educación, nos centros educativos e nos fogares, pero tamén na publicidade e nas novas tecnoloxías".

Os datos, apunta a Fiscalía "seguen sendo inasumibles" e "reflicten que aínda queda moito por facer en todos os ámbitos" que abarcan a violencia de xénero.

Sala onde agardan as vítimas de violencia de xénero para denunciar en Viveiro
Sala onde agardan as vítimas de violencia de xénero para denunciar en Viveiro | Fonte: XdL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta