Gaña Catalunya

Josep, o avó dos meus amigos Marc e Mireia, tería agora 97 anos. Na guerra do 1936 fixo parte, como afiliado ao partido Estat Catalá, da 132 brigada mixta e sofriu, logo de caer preso na fin do 1938 en Borges Blanques, dez anos de campo de concentración e desterro. L’avi Josep, como lle chamaban todos, botou anos desterrado no noso País e casou en Ourense con Carmiña, quen aprendeu a fillos e netos sentir a galeguidade como l´avi Josep transmitiulles a súa pertenza a Catalunya.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 09/11/2014

Comparte esta noticia
Porén, hoxe si votou o seu amigo Lluis, que integrou a garda do President Companys dende 1936. E votou pensando no Companys. Aquel president da Generalitat que foi extraditado dende a Francia ocupada por Hitler e fusilado por Franco en Montjuic o 15 de outubro de 1940.  O mesmo Companys que salvou a vida do primado catalán, o cardenal Vidal i Barraquer.
 
Velaí como o proceso principiado no verán do 2010 coa sentenza do Tribunal Constitucional que anulou parcialmente o novo Estatut do 2006 foi quén de activar vellas vivencias e lembranzas que semellaban esquecidas. Porque 1714, 1934 ou 1936 son datas históricas ás que as novas xeracións dan un ou outro sentido en función do seu percorrido vital. E á vista está que millóns de cidadáns cataláns non acreditan que España rectificase de todo as políticas desenvolvidas a respecto de Catalunya na historia. E iso que non escoitaron este sábado ao antigo alcalde da miña cidade d’A Coruña, cando falou diante dos- poucos- nacionalistas españois convocados pola plataforma “Libres e iguales” de levar a Garda Civil ou quitar os tanques.
 
Este domingo participaron máis de dous millóns nunha consulta que, evidentemente, non ten valor xurídico, mais si un nidio valor político, recoñecido na Europa toda. Madrid  non pode, xa que logo, seguer a se pór de esguello. Hai sinais claros de que millóns de cataláns queren decidir o seu futuro.
 
Tempo, pois, de dialogar para facer posíbel un referendo con todas as garantías. Nin maís nin menos que o que tiveron na Escocia hai menos de dous meses ou en Quebec noutras dúas ocasións.
 
É a hora da política. 
 
                       

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.