Nova rebaixa dunha pena por agresión sexual en Galicia: de 8 a 6 anos por agredir a menor á que coñecera por Instagram

Os feitos remóntanse a setembro de 2018, cando o condenado tiña 24 anos e contactou cunha rapaza de 15 á que invitou a casa e espiu e agrediu despois de emborrachala

Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 28/11/2022 | Actualizada ás 16:09

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rebaixou de oito a seis anos a condena imposta en primeira instancia a un home pola Audiencia Provincial de Ourense por agredir sexualmente dunha menor de idade á que coñecera a través de Instagram.

A decisión do Alto Tribunal galego prodúcese en aplicación do contido da lei de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como 'lei de só si é si', a través da resolución do recurso de apelación presentado pola defensa dun home que agrediu sexualmente a unha menor de idade, que foi desestimado. 

Sede TSXG
Sede TSXG | Fonte: E.P.

Nela, ratifica o sentido do fallo de primeira instancia pero rebaixa o tempo de prisión ao interpretar que a nova lei establece para o delito polo que foi condenado (agresión sexual a unha menor con acceso carnal) penas mínimas inferiores ás que había na norma anterior, algo do que, para a sala e de acordo co criterio de Fiscalia, debe beneficiarse ao procesado.

Trátase da terceira ocasión na que a nova norma modifica decisións xudiciais sobre casos de agresións sexuais en Galicia: a primeira rebaixou a pena imposta pola Audiencia da Coruña e a segunda motivou a posta en liberdade dun condenado a tres anos e medio de cárcere por un intento de violación. Este último cumprira xa os dous anos anos e medio de cárcere nos que quedou fixada a súa condena tras a revisión do TSXG.

Neste caso, a resolución rebaixa en dous anos a condena imposta en xuño deste ano, xa que intepreta que a nova regulación establece no seu grao mínimo seis anos de cárcere como pena mínima para as agresións sexuais a menores con acceso carnal, para as que a lei previa marca un mínimo de oito anos.

Así, a sala incide en que é "evidente" que a reforma é "favorable ao reo", polo que procede aplicar o tipo novo, posto que a lei do 'só si é si' carece de disposición transitoria "que puidese levar, eventualmente, á análise dunha solución diferente".

"No presente caso, o tribunal de instancia aplicou a pena mínima, unha pena que na redacción vixente é inferior na mesura expresada", recalca a sala presidida polo propio titular do TSXG, José María Gómez e Díaz-Castroverde; e na que figura como relatora o maxistrado José Antonio Varela Agrelo.

AGRESIÓN EN 2018

Os feitos axuizados este ano na Audiencia de Ourense remóntanse a setembro de 2018, cando o condenado, que tiña 24 anos, contactou cunha menor de 15 anos a través da rede social Instagram. A sentenza de primeira instancia que agora ratifica o TSXG determina que o home convidou á menor á súa casa, onde beberon tequila ata que a vítima se sentiu indisposta.

A continuación, levouna á súa cama, onde a espiu e abusou sexualmente dela. A versión da vítima é, tanto para a Audiencia de Ourense como para o Alto Tribunal galego, "crible e supera os criterios que establece o Tribunal Supremo sobre a declaración única da vítima como proba válida de cargo".

Así mesmo, incide en que o caso conta con "corroboracións periféricas" como a declaración do pai da vítima e o informe dos peritos do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), que consideran crible o relato da menor.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta