Un mozo de 19 anos rouba un bus da estación de Ferrol e choca contra outro vehículo

Carecía de permiso de conducir e xa foi detido

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 07/12/2022 | Actualizada ás 16:35

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Local detiveron na mañá deste mércores a un veciño de Neda, de 19 anos, en relación co roubo dun autobús na estación de Ferrol.

Segundo informa a Policía Local nun comunicado, mentres realizaban labores de vixilancia recibiron aviso da sala do 092 para desprazarse ata a Rúa Atocha, onde se produciu unha colisión.

Unha vez no lugar, os policías interrogaron ao propietario dun turismo implicado, que manifestou que un autobús chocara co seu coche pouco antes e abandonara a zona sen deterse.

Os axentes proseguiron a patrulla e ao redor das 8.00 horas, cando pasaban pola estrada Alta do Porto, observaron un autobús circulando que coincidía coas características do implicado no accidente da Rúa Atocha.

Déronlle o alto e, ao entrevistarse co condutor, este manifestou de maneira espontánea que sobre as 3.00 horas da madrugada collera o autobús cando se atopaba aparcado na estación de Ferrol "coa única intención de estacionalo correctamente".

Realizadas as xestións pertinentes, comprobouse que o vehículo fora substraído, tal e como afirmaba o home, e que pertence a unha das empresas que prestan o seu servizo dende a estación de autobuses ferrolá.

CARECÍA DE PERMISO DE CONDUCIR

Por ese motivo, procederon á súa detención. A estes feitos súmase que o arrestado carece de permiso de conducir, polo que se lle imputa tamén un delito contra a seguridade viaria.

Ademais estase analizando o dispositivo GPS do bus para comprobar por onde circulou e se causou máis danos; e tamén se investiga a implicación do home noutros feitos similares ocorridos durante a madrugada.

Bus Coruña-Ferrol
Bus Coruña-Ferrol | Fonte: Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta