A Xunta di que estenderá os programas de cribado de cancro de mama, colon e cérvix dous anos antes do esixido pola UE

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/12/2022 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña, destacou este venres que Galicia "se adiantará en dous anos á meta europea para a extensión dos programas de cribado de cancro de mama, colon e cérvix".

Así o destacou en Bruxelas, onde participou no Consello de Ministros da Unión Europea, representando ás comunidades autónomas españolas no apoio á revisión da Recomendación europea sobre programas de cribado.

Tal e como remarcou o titular da carteira sanitaria do Executivo galego, o plan europeo de loita contra o cancro, aprobado o pasado ano, marca como obxectivo que os cribados de mama, colon e cérvix cheguen ao 90% da poboación obxectivo en 2025. Con todo, precisou Comesaña, en Galicia isto xa ocorre cos de mama e colon, e sucederá co de cérvix "o próximo ano".

O novo plan europeo de loita contra o cancro contempla a ampliación do rango de idade da poboación á que se convida a participar nestes cribados, e abre a porta a desenvolver programas de detección precoz en cancro como os de pulmón ou próstata, algo co que Galicia está "totalmente en liña".

"A nosa comunidade acaba de presentar unha estratexia galega para a xestión do cancro, que se aliña con ese Plan Europeo e que recolle explicitamente a posibilidade de desenvolver programas de detección precoz destes cancros en grupos de risco", apuntou García Comesaña.

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, en Bruxelas.. XUNTA
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, en Bruxelas.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta