Galicia énchese de mercados de Nadal que levan a artesanía por bandeira

Aparte das grandes cidades, vilas como Ribadeo, Tui ou Allariz engalánanse para estas festas e fomentan o comercio local das mans dos seus creadores

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 11/12/2022 | Actualizada ás 09:55

Comparte esta noticia

Chegou o Nadal (xa o dixo Abel Caballero fai máis de dúas semanas). E co Nadal chegan os mercadillos, esa parte favorita para moitos adultos e tamén para nenos, que atopan neles os mellores e máis orixinais agasallos para os seus seres queridos.

Exemplo de produtos típicos para comprar nestas datas nun mercadillo de Nadal
Exemplo de produtos típicos para comprar nestas datas nun mercadillo de Nadal | Fonte: Cultura.gal

Dende pezas de artesanía únicas, ata xoias cun toque persoal, pasando por doces típicos desta época, todo iso e moito máis é o que se agocha dentro das múltiples casetas que compoñen os mercados navideños galegos.

Hoxe queremos repasar algunhas das novidades dos seis máis grandes, ubicados como é habitual nas grandes cidades, mais tamén dar outras opcións para aqueles que queren descubrir outra parte do Nadal nos pequenos municipios, onde tamén se están a poñer de moda estas iniciativas.

VIGO - CÍES MARKET:

Máis de cen casetas de madeira pintadas de cor azul, con simulación de neve cada certo tempo e instaladas no centro da Praza de Compostela, arrodeadas de luces que as envolven dende ben cedo, ofertan entre os seus produtos de artesanía obxectos decorativos de Nadal (moitos cascanoces e Papa Noeis), gastronomía de tempada (castañas asadas e gofres) e obxectos de regalo (xoeiría de primeira calidade ou pezas únicas de lá).

Mercado de Nadal de Santiago, Mercado da Estrela
Mercado de Nadal de Santiago, Mercado da Estrela | Fonte: Hoteles.net

Entre o 20 de novembro e o 19 de decembro permanecerá aberto todos os días de 17.00 a 23.00 horas. Os venres, sábados, vísperas de festivos e festivos pechará ás 00.00. Do 20 de decembro ao 16 de xaneiro abrirá todos os días de 17.00 a 00.00 horas e os venres, sábados, vísperas de festivos e festivos á 1.00. Os días especiais, como o 24 e o 31 de decembro pechará as casetas ás 20.00 horas; e o 5 de xaneiro ás 22.00.

Apunte: nas inmediacións do Cíes Market está ubicado o parque de atraccións do Nadal vigués, que inclúe a Noria Xigante para contemplar o alumeado dende o ceo, e tamén varias casetas tipo tómbola para que xoguen pequenos e maiores. 

LUGO - FEIRA ARTENADAL:

Está considerada unha cita navideña indispensable, e celébrase na Praza Maior da cidade, moi ao estilo europeo. Acolle o traballo de 20 artesáns lucenses e oferta unha grande variedade de obxectos que na súa fabricación usan diversidade de materiais. En realidade acollerá a máis artesáns, pero as casetas instaladas son 20, polo que para que todos aqueles que o desexen poidan expoñerse irán rotando, en turnos semanais e de xeito gratuito.

Este mercado leva aberto xa dende o 1 de decembro e rematará o día 31 deste mesmo mes. O horario de apertura e de atención ao público das casetas será de 11.00 a 14.30 horas e de 16.30 a 21.00. No caso dos días festivos, o 24 de decembro o horario de peche do mercado será ás 18.00, e o día 31 ás 14.30. Eso si, os expositores que o desexen poderán ampliar o horario de apertura.

Apunte: a feira conta tamén con animación a través de actuacións de gaiteiros e talleres de actividades para os máis pequenos da casa.

SANTIAGO - MERCADO DE NADAL E MERCADO DA ESTRELA:

Outras 30 casetas de madeira estarán ubicadas entre o 2 de decembro e o 5 de xaneiro, na rúa Carreira do Conde e no entorno do centro comercial Área Central da capital galega. Decoración por doquier, alimentación típica do Nadal e gourmet, artesanía en xoias ou madeira, xoguetes, roupa... Toda unha oportunidade para facerse cun produto único e inigualable feito polas mans de artesáns de recoñecido prestixio.  

Os horarios de apertura diaria van dende as 12.00 ata as 14.00 horas pola mañá e de 17.00 a 21.30 horas pola tarde. Os días 24 e 31 de decembro a apertura tan só será de mañá, de 12.00 a 14.00. E os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, directamente, permanecerá pechado.

O Mercado da Estrela, pola súa parte, celebrarase entre o venres 16 de decembro e o domingo 18, é dicir, a vindeira fin de semana. Nel artesáns, artistas, creadores, produtores e emprendedores danse cita un ano máis para dar a coñecer as súas propostas e creacións de moda, bisutería, complementos, decoración, ilustracións, adornos de Navidad e un sinfín de artigos. A idea é que as súas creacións sirvan para agasallar en galego. A ubicación será na Feira Creativa, no Centro Obra Social Abanca, na Praza 8 de Marzo e na Pista Cuberta do Centro Don Bosco.

Apunte: haberá tamén talleres lúdicos programados para a ocasión, e os máis pequenos tamén contarán con actividades deseñadas especialmente para eles. Por exemplo, chegarán entre as animacións de rúa a Cé Orquestra Pantasma ou os Tiruleiros. E para os nenos, tamén terán obradoiros de pulseiras, decoración de árbores, maquillaxe ou tatuaxes.

A CORUÑA - MERCADO DE NADAL E MERCADO DAS NUBES:

Durante o mes de decembro a céntrica praza de María Pita transformarase nun espazo lúdico ideal para achegarse a desfrutar dunha ampla variedade de actividades pensadas para nenos e nenas de todas as idades, entre as que está o mercado de Nadal. Haberá 25 postos de comida, de artesanía e produtos relacionados con estas festas. Un novo espazo de compras céntrico e ao aire libre na cidade herculina.

Este mercado estará aberto todos os días, de luns a domingo, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas. A excepción do día 25, que estará pechado, e dos días 24 e 31, nos que abrirá únicamente de 11.00 a 15.00 horas.

Tamén ao longo da próxima fin de semana, entre o 16 e o 18 de decembro, o Mercado de San Agustín acollerá o coñecido como Mercado das Nubes, onde se poderán atopar produtos diferentes e moi singulares, gozar da gastronomía ou da música en directo. O horario será venres de 17.00 a 21.00 horas; e sábado de 11.00 a 21.00 horas; e domingo de 11.00 a 18.00 horas.

Apunte: no mesmo entorno, entre as atraccións, un carrusel clásico ou o Tren Polar Express farán as delicias dos máis pequenos, que mesmo terán hinchables e un simulador de snowboard.

PONTEVEDRA - NADALADAS OU PONTENADAL:

Outra cita típica que se celebra todos os anos na Praza do Teucro. De tipo artesanal, nela desfruta toda a familia, dende os máis pequenos que ven centos de xoguetes que pedir a Papá Noel, ata os máis adultos, que teñen produtos de coiro, velas aromáticas, bisutería e demais caprichos por un prezo xusto. 

Apunte: ao estar ubicado nunha das prazas máis céntrica da cidade é ideal para pasear e poder observar de paso a historia dos escudos e edificios que a rodean, así como para tomarse un refrixerio nalgunha das súas numerosas terrazas.

OURENSE - MERCADO NAVIDEÑO:

O Parque de San Lázaro acolle dende o 6 de decembro ata o 2 de xaneiro un mercado navideño (que non existía ata este ano) no que se poden atopar postos de gastronomía, de roupa ou de xoguetes. En total serían 30 casetas nas que participan comercios da propia cidade e tamén distintos negocios de artesanía e de arte doutros lugares de Galicia e de España.

No que respecta aos horarios, o mercado abrirá polas mañás de 11.00 a 14.00 e polas tardes de 17.00 a 22.00 horas. O 25 de decembro e o 1 de xaneiro estará cerrado pola mañá, aínda que ao caer a noita volverá reabrir as súas casetas.

Apunte: polas tardes o mercado acollerá moitos obradoiros para que os máis pequenos aprendan a crear as súas propias bolas de Nadal ou a decorar os agasallos. 

SANXENXO:

Máis de 100 postos de alimentos, roupa, calzados, bisutería, decoración, artesanía e moitas outras opcións permitirán aos visitantes dar co regalo perfecto para estas festas. Trátase dunha forma de reinventar o mercadillo semanal tradicional e estará aberto de luns a xoves. Pola compra nalgúns destes establecementos conseguiranse rifas de participación en sorteos que se celebrarán os días 17, 23 e 30 de decembro con premios de vales de compra nas tendas locais da parroquia, cestas de Nadal e viaxes.

TUI:

Cada semana a modo de mercadillo municipal, a localidade pontevedresa ubicará un mercado no Paseo da Corredoira que resalta polos seus produtos artesanais elaborados íntegramente en Galicia e baixo o concepto da sostenibilidade. Entre o 5 de decembro e o 5 de xaneiro 10 casetas de madeira acollerán produtos típicos desta época elaborados por artesáns e comerciantes. Os horarios de apertura van de luns a xoves de 17.00 a 21.30 horas; de venres a domingo, festivos e vísperas de festivo tamén polas mañáns de 12.00 a 14.00 horas; e os días 24 e 31 de decembro só pola mañá.

O BARCO DE VALDEORRAS:

Celebrado na Praza do Concello, conta coa instalación de diferentes postos de artesanía e doces navideños tradicionais, como os mantecados e os turróns. O fondo desta iniciativa é solidario, pois recada cartos para diferentes obras benéficas. A él súmanse os mercadillos dos veciños municipios ourensás de Rubiá e Petín. Con todo, o máis grande é o do Barco, no que un total de vinte postos, de creadores con selo Artesanía de Galicia e tamén varios produtores agroalimentarios exporán bicas, mel e viño e compartirán espazo con textís, pezas de madeira e outros moitos produtos.

RIBADEO:

Situado no Parque de San Francisco, cada ano faise unha nova edición do Mercado de Nadal, aberto tanto de día como de tarde-noite, con postos de cerámica, artesanía, xoiería, xoguetes, chocolates e doces... Iso si, haberá que aproveitar esta fin de semana para ir, pois concentrarase entre o mércores 7 e o domingo 11. A idea é que os visitantes poidan realizar as primeiras compras destas datas tan destacadas, aínda que tamén haberá actos lúdicos e actuacións musicais. Os horarios de fin de semana serán de 11.00 a 14.30 horas pola mañá e de 17.00 a 21.00 horas pola tarde.

OUTROS MERCADOS DE VILAS:

Ubicado na localidade coruñesa de Ponteceso, en Corme haberá distintos postos de artesanía darán vida ao longo de decembro a este pobo. Tamén no municipio ourensá de Allariz, que sabe como sacarlle partido a todas as grandes celebracións, engalanando o pobo para a ocasión con varios escenarios navideños nos que se poden encontrar tamén postiños das tendas da vila.

Tamén no lucense Castroverde haberá un diminuto Mercado de Nadal con algúns postiños. A Veiga, Mondoñedo, Chantada, San Sadurniño, Ribadavia ou Vilanova dos Infantes son outros dos pequenos mercadillos que, se tes tempo, debes visitar.

Mercado de Nadal de Vigo, Cíes Market
Mercado de Nadal de Vigo, Cíes Market | Fonte: Concello de Vigo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta