Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 14/12/2022 | Actualizada ás 15:23
A Policía Nacional detivo a tres persoas e interviu 12 quilos de cocaína, 6.000 euros en efectivo e diversos efectos e documentación nun operativo para desarticular un grupo criminal dedicado supostamente á distribución de importantes cantidades de droga entre Galicia e Portugal.
Segundo informa o Corpo Nacional, trátase da operación 'Pibe', levada a cabo polo Grupo II da Unidade de Droga e Crime Organizado (Udyco) de Pontevedra.
Os labores de investigación iniciáronse a finais do verán de 2022, cando os axentes tiveron coñecemento de que un grupo criminal asentado na provincia adicábase "á distribución de importantes cantidades de cocaína provintes de grandes alixos" introducidos en Galicia.
Ao longo destes meses, os investigadores controlaron os movementos destas persoas e culminaron na tarde do pasado mércores, día 7 de decembro.
Ese día, os policías detectaron a presenza dun vehículo 'lanzadeira' que conducía o home que supostamente era o encargado de transportar a cocaína. O coche tiña dous quilos da sustancia estupefaciente baixo o asento.
Posteriormente, os axentes efectuaron varios rexistros en domicilios de Vilanova de Arousa. Nun deles, pertencente ao condutor do vehículo 'lanzadeira', acharon catro quilos e medio de cocaína, aos que habería que sumar outros cinco quilos máis no interior do automóbil da persoa que fixera a entrega.
Con estas tres detencións, a Policía Nacional dá por desarticulado este grupo que, de maneira moi activa, distribuiría ao longo dos últimos meses decenas de quilos de cocaína entre a Comunidade galega e o país veciño. Con todo, a operación continúa aberta e non se descartan novas detencións.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.